
Seis anacos de tégula nos que aparece debuxada unha malla de casetóns máis ou menos regulares, realizada cun obxecto punzante. É un taboleiro de xogo (17 cm de lonxitude, 15 cm de anchura e 2,7 cm de grosor) de época romana localizado no campamento de Aquis Querquennis (Bande), situado á beira da Vía XVIII del Itinerario de Antonino ou Vía Nova.
Este taboleiro de Aquis Querquennis será a “Peza do Mes” de maio no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. No marco das actividades programadas por esta institución con gallo do “Día Internacional dos Museos”, o mércores, 14 de maio, ás 20:00 h. terá lugar a presentación desta peza na sala da exposición “Escolma de Escultura” en San Francisco (Ourense). A explicación correrá a cargo de Sonia Engroba Cabana, para quen “o ambiente campamental no que aparece o taboleiro é coherente coa práctica de xogos de estratexia como o ludus latrunculorum e o duodecim scripta (o escrito por décimo segunda vez)”.
Esta investigadora tamén apunta que o material que acostuma usarse para a elaboración deste taboleiros e das súas fichas ofrece datos sobre o nivel social do seu propietario. “Neste caso concreto, trátase dunha tégula reutilizada, onde o verdadeiro valor vén dado pola capacidade de amortización do material”.
Ademais da presentación desta peza, con motivo da celebración do “Día Internacional dos Museos” do 13 ao 16 de maio, haberá visitas guiadas a grupos ao edificio do museo arqueolóxico na praza Maior da cidade.
Para máis información: http://www.musarqourense.xunta.es/
Foto: Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense