
O traballo dun equipo de profesionais de enfermería da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras obtivo premio como semifinalista no VII Congreso da Sociedade Galega de Feridas, celebrado esta fin de semana en Vigo.
O estudo, titulado “Voluntad versus flujo interasistencial. A propósito de una úlcera”, foi elaborado por Diana Novoa Araujo, Cristina Gómez Ríos, Susana González Padrón e Eva Padrón Lloves, enfermeiras do Hospital Universitario de Ourense; Navor Pereira Losada, do Equipo de Soporte de Atención Domiciliaria de Celanova, e Lucía Bruquet Costa, enfermeira do Centro de Saúde de Chandrexa de Queixa, e foi dotado con 250 euros da VII Bolsa Trisquel ao Coidado de Feridas.
Por primeira vez neste certame, no que habitualmente se presentan casos centrados no tratamento enfermeiro das úlceras, o equipo concorreu cunha proposta de mellora da xestión do circuíto de atención aos pacientes con feridas, para mellorar a coordinación entre os diferentes profesionais que o atenden, garantizando a continuidade asistencial nas derivacións destes pacientes ao ingreso no hospital, ou desde o hospital a primaria, tanto nos centros de saúde e como a domicilio.
O xurado dos premios valorou a innovación dun estudo adicado á xestión enfermeira fronte ao enfoque clínico-práctico habitual destes traballos, tendo en conta a importancia da temática: á continuidade dos coidados, que facilitan o percorrido asistencial das persoas con feridas e a transmisión da información entre os equipos implicados.
Continuidade dos coidados: Referentes e Conecta 72
As lesións por presión, denominación actual das úlceras por presión, son danos na pel ou nos tecidos subxacentes causados pola presión continuada, soa ou combinada co rozamento e o desprazamento dos tecidos. Afectan especialmente a persoas con mobilidade reducida, dependencia ou enfermidades crónicas e poden aparecer tanto durante un ingreso, como no domicilio.
A enfermería desempeña un papel central na prevención, detección e tratamento destas lesións. No hospital, os coidados inclúen a valoración do risco, a revisión periódica da pel, os cambios posturais, o emprego de superficies para aliviar a presión, e a planificación das curas e da continuidade asistencial tras a alta. Nos centros de saúde e nos domicilios, a enfermería realiza o seguimento da evolución, adapta as curas, identifica posibles complicacións e forma as persoas coidadoras en mobilización, hixiene, alimentación, vixilancia da pel e, tamén, mediante a saúde comunitaria, forma e orienta aos coidadores e os coida.
Segundo o último estudo nacional do Grupo Nacional para o Estudo e Asesoramento en Úlceras por Presión e Feridas Crónicas, estas lesións afectaban ao 7,7 % das persoas adultas hospitalizadas, e no ámbito de atención primaria, ao 5,82 % das persoas incluídas en programas de atención domiciliaria. As lesións por presión son as máis frecuentes, cunha prevalencia do 4,43 %. A maioría producíranse no propio domicilio, o que reforza a importancia da prevención e do seguimento desde atención primaria.
Na Área de Ourense, tanto Atención Primaria como a hospitalaria contan con enfermeiros referentes no coidado de feridas, que asesoran ao persoal sanitario ante os casos máis complexos.
Asemade para coordinación entre niveis de cara ao alta desde o hospital o Sergas conta cun programa específico: Conecta 72, polo que a enfermería do centro de saúde de cada paciente, contacta con el ou os seus coidadores, nas primeiros tres días tras a alta hospitalaria, para comprobar a evolución, resolver dúbidas, valorar necesidades, ou programar seguimento dos coidados indicados. No caso das persoas con feridas, esta comunicación facilita a coordinación das curas e do seguimento entre o hospital, o centro de saúde e, cando é necesario, a domicilio.