Unha posta en valor do galego e unha chamada á mobilización social a prol desta lingua, ao mesmo tempo que se reivindica a figura da xornalista e escritora viguesa Begoña Caamaño. Son as bases dos actos das Letras Galegas no Barco, que se presentaba na mañá deste 8 de maio en rolda de prensa no Concello. A programación mantén unha liña semellante á doutros anos, se ben incorpora varias novidades salientables, tal e como indicaba a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, que estaba acompañada polo alcalde do Barco, Aurentino Alonso.
Entre as novas propostas figuran a I Andaina pola Lingua, prevista para o mesmo 17 de maio, con saída ás 11:15h. e meta na praza Andrés de Prada da vila, onde tamén se poderán realizar as inscricións entre as 9h. e as 10:30h. ese mesmo día. O seu percorrido será duns 2,7 km e busca ser unha actividade “para a reivindicación” e aberta á toda a veciñanza. Nela tamén haberá algunha que outra sorpresa, segundo avanzaba Pizcueta.
Tamén o 17 de maio, pero ás 13h. está previsto un “Vermú das Letras”, no Malecón (zona de Correos), no que Fran Rei presentará o seu espectáculo “Repunantas”. E pola tarde, ás 18:30h. na praza Andrés de Prada, estará a narradora Raquel Queizas coa peza para público familiar “Begoña ao teléfono”, dentro das chamadas Pequeletras”.
Por outra banda, novamente este ano maio será o “Mes do cine en galego”, cunha programación que xa se iniciaba na pasada fin de semana. E, o broche do programa, será o “Concerto das Letras” por parte do Conservatorio e da Escola de Música do Barco, que está prevista para o 19 de maio ás 19h. no Teatro Lauro Olmo da vila.
A concelleira de Cultura do Barco agradecía o apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística para poder levar adiante estes actos e tamén a colaboración do Cine Club Groucho Marx.
Finalmente o alcalde do Barco animaba á cidadanía a participar nestas propostas, “unha programación con moito criterio que busca divulgar a cultura e a lingua galega”. Ademais poñía o foco na importancia de coidar e manter este idioma propio.
Fotos: A.R.
Vídeos: O SIL.

