CulturaCulturaÚltima hora

Unha conferencia en tren dende Monforte ata O Barco lembrará o paso por Valdeorras de Castelao acompañado por Florencio Delgado en 1934

A actividade, que ten a inscrición aberta, celébrase o 4 de outubro cos historiadores Uxío-Breogán Diéguez e Ricardo Gurriarán. Ao día seguinte, Pilar García Negro falará no Barco do Castelao artista

 

En 1934 Daniel Alfonso Rodríguez Castelao sufriu un traslado forzoso a Badaxoz, a onde foi enviado como funcionario público dende o seu posto de Pontevedra en represalia polo non posicionamento do Partido Galeguista contra a Revolta de Asturias. Castelao fixo esa viaxe ao desterro en tren, sendo acompañado entre paradas por outros galeguistas, entre eles Florencio Delgado Gurriarán, quen se trasladou a Monforte para acompañalo no traxecto ata o Barco de Valdeorras.

O próximo sábado, 4 de outubro, esa viaxe será recreada pola Fundación Florencio Delgado Gurriarán coa conferencia ‘Castelao e Florencio, unha conversa no tren do desterro’ cos historiadores Uxío-Breográn Diéguez e Ricardo Gurriarán.

A xornada comezará ás 9 da mañá na praza do Concello do Barco, de onde sairá un autobús cara Monforte para coller o tren das 10:15, no que a Fundación ten reservado un vagón. Unha vez a bordo comezará a conferencia para a cal, os asistentes disporán de auriculares que lles permitirán escoitar a Gurriarán e Diéguez quenes analizarán a relación entre Castelao e Florencio iniciada de forma persoal nunha Asamblea do Partido Galeguista en Ourense en xaneiro de 1934.

 

Os historiadores Ricardo Gurriarán e Uxío-Breográn Diéguez.

 

Unha vez chegados ao Barco, arredor das 11:30 horas, a conferencia continuará no salón de actos do edificio multiusos, na praza do Concello, onde haberá espazo para falar do tempo do exilio e abrir un espazo de intercambio cos asistentes. A participación na actividade é gratuita pero é necesario inscribirse no formulario dispoñible na portada da web da Fundación para reservar un asento na conferencia no tren.

As xornadas sobre Castelao continuarán ao día seguinte, o domingo 5 de outubro ás 12:30 horas, na Sala Abanca do Barco (Praza do Príncipe) terá lugar a conferencia ‘Castelao, obra artística’ a cargo da investigadora Pilar García Negro, quen analizará a traxectoria do autor e político dende un punto de vista artístico, contextualizándoo co seu tempo histórico.

 

A investigadora Pilar García Negro.

 

Como escenario da charla haberá unha exposición de fondos relacionados con Castelao conservados pola Fundación e que inclúen libros e facsímiles das súas láminas máis famosas. Tras a conferencia García Negro ofrecerá unha visita comentada á mostra. O acceso a este evento é libre ata completar aforo.

Estas actividades completan as Xornadas Culturais da Fundación Florencio Delgado Gurriarán deste 2025, sumándose coa programación á celebración do Ano Castelao. Para a súa organización contaron coa axuda de Abanca e Renfe, ademáis do apoio clave da Deputación de Ourense e dos Concellos do Barco, A Rúa, O Bolo Petín, Larouco e Vilamartín que respaldan a actividade da Fundación.

Back to top button