ConcellosÚltima hora

Unha convivencia arredor das figuras de Florencio Delgado e Corona González, reúne en Fontei (A Rúa) a uns 300 escolares de Valdeorras

 

Arredor de trescentos escolares de oito centros educativos de Valdeorras reúnense este 24 e 25 de setembro nas rúas de Fontei, na Rúa, para a II Convivencia Escolar organizada pola Fundación Florencio Delgado Gurriarán e dinamizada pola Asociación Cultural Nadel. Este ano, tras a experiencia de 2025 no Bolo con Yosso e Florencio como protagonistas, está dedicada ás “Travesías atlánticas”, empregando como fío condutor as viaxes de dous personaxes históricos da comarca: o propio Florencio, exiliado en México tras a Guerra Civil, e a ruesa Corona González Estévez, xornalista e intelectual feminista quen destacou polos seus escritos nos anos 20 e 30 do século XX e rematou a súa vida no Brasil.

A iniciativa conta co apoio de Iberdrola e a colaboración dos Concellos da Rúa, O Barco de Valdeorras, Vilamartín de Valdeorras e O Bolo, xunto coa Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Inverno. Baixo o fío condutor das travesías transatlánticas de Corona González e Florencio Delgado, achegarase ao alumnado ás viaxes e ás experiencias migratorias dos séculos XIX, XX e XXI. A proposta busca comprender estes desprazamentos como parte da nosa historia compartida, recoñecer os vínculos entre Galicia e América e favorecer unha mirada aberta sobre as persoas que marchan, chegan e constrúen a súa vida entre lugares e culturas.

 

 

Fontei foi tamén protagonista do evento, xa que as actividades planificadas se repartiron por diferentes zonas do núcleo, dende a praza da Igrexa ata as Airas. A alcaldesa da Rúa, María G. Albert destacou a importancia de sacar este tipo de iniciativas pedagóxicas ao espazo público e o fermoso de ver o barrio de Fontei cheo de nenos e nenas xogando, algo que tamén chamou a atención da veciñanza, que se amosou encantada.

González Albert participaba na mañá deste xoves 24 de setembro, na clausura da primeira xornada da convivencia xunto con representantes de Concellos integrados na Fundación. Nesa visita para coñecer a iniciativa estiveron tamén Ana Fernández Vizcaya, concelleira da Rúa; Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura do Barco de Valdeorras; Sherezade Núñez, alcaldesa de Vilamartín de Valdeorras; e Miguel Ángel García, alcalde do Bolo, nunha demostración de “unidade e aposta común pola acción cultural promovida dende a Fundación”, aseguran dende a organización. A súa xerente, Débora Álvarez Moldes, destacou a boa experiencia do ano pasado e resaltou que a continuidade deste evento “é posible pola implicación de Concellos, Deputación de Ourense e este ano tamén sumamos a Iberdrola, con quen iniciamos unha vía de colaboración que agardamos se consolide no tempo para organizar eventos culturais e educativos coma este”.

 

 

Nas xornadas, que se prolongarán de 10 a 15 horas ambos días, participa alumnado de 4º e 5º de Primaria do CEIP Manuel Respino e Colexio Pablo VI da Rúa; do CEIP Condesa de Fenosa, Colexio Divina Pastora, CEIP Julio Gurriarán e CEIP Otero Pedrayo do Barco; do CEIP Manuel Folla Respino de Vilamartín; e do CEIP do Bolo. O programa estrutúrase en catro eixos; mental, social, físico e creativo, con propostas para aprender a través da participación, o movemento e a colaboración. As actividades, creadas para a convivencia, inclúen mímica como en «Todo o mundo a bordo: escenas do Ipanema», poemas cos «Versos combinados», linguaxe grazas as «Palabras de estraperlo» e coñecemento do territorio, cun «Atlas valdeorrés» que porá a proba canto sabe a rapazada sobre a comarca.

Durante a semana previa á convivencia iniciouse o traballo de familiarización cos persoeiros deste ano, con sesións nas aulas e actividades preliminares que permitiron ao alumnado achegarse á temática e aos contidos antes do encontro en Fontei. Esta segunda edición dá continuidade á convivencia celebrada o ano pasado no Bolo reforzando a vontade da Fundación de crear un evento que sirva de espazo de encontro entre centros da comarca, no que descubrir o patrimonio cultural valdeorrés, expresarse en galego e establecer novas relacións a través do xogo e da creación compartida.

Fotos e vídeo cedidos.

Back to top button