Un xoves máis a Asociación de Silicosis de Valdeorras vén de levar as súas reivindicacións á rúa. Desta volta, a habitual concentración fronte ao Hospital Público de Valdeorras, no Barco, convertíase nunha manifestación que percorría o centro da vila ata a praza do Concello.
Durante o percorrido a consigna máis repetida polos manifestantes era “Queremos un neumólogo para Valdeorras”, pero tamén se pedía a disimión do xerente do Distrito Sanitario do Barco, Alberto Pedrera. Unha vez na praza do Concello, o presidente de Asilival, Jose Rodríguez, agradecía agradecía a participación das persoas nesta marcha e anunciaba que a entidade vai “seguir na loita” no seu obxectivo de conseguir contar cun servizo de Neumoloxía propio no hospital valdeorrés.
Tamén indicaba que se vai solicitar información sobre o cambio de día nas consultas que os dous neumólogos que veñen de Ourense están a realizar ao hospital, que antes, segundo dicía, viñan os xoves.
Por outra banda, Rodríguez anunciaba que o vindeiro xoves 19 de marzo a concentración queda suspendida, ao ser día festivo, pero que se mantén a do 26 de marzo que se volverá a levar á praza Otero Pedrayo de Viloira, fronte á Casa Grande.
Durante a manifestación, a Policía Local regulaba o tráfico, contando tamén con Protección Civil do Barco e coa Garda Civil.
Fotos e vídeos: O SIL.