Conmoción no Barco neste mediodía. Contra as 12:30h. unha muller caía dende o cuarto piso dun edificio da praza Andrés de Prada en pleno centro da vila. Ata o lugar desprazábanse de inmediato a Policía Local, unha ambulancia do 061-Urxencias Sanitarias e a Garda Civil, que acordoaban o lugar do suceso.
Polo de agora descoñécense as circunstancias do acontecido, aínda que, segundo os veciños, parece ser que a muller pedía auxilio antes de caer. Tamén indicaban que unha persoa era detida e levada no vehículo patrulla da Garda Civil. Os feitos estanse investigando.
A muller foi trasladada en ambulancia ata o Hospital Público de Valdeorras.
Esta praza é moi concorrida polo que eran numerosas as persoas que se congregaban no lugar estupefactas ante o acontecido.
En canto se teñan máis datos ampliarase información.