Os caldelaos, retando ás baixas temperaturas e a ameaza de chovía, volvían cumprir cunha ancestral tradición na tardiña deste 19 de xaneiro, véspera de San Sebastián: a Festa dos Fachós. Esta antiga e espectacular celebración de culto ao lume reunía á veciñanza de Castro Caldelas, pero tamén a multitude de persoas chegadas doutros puntos da provincia de fóra.
Como manda a tradición, entre lusco e fusco, cobraba vida unha abraiante procesión de lume encabezada por un xigantesco fachón de máis de 30 metros, coa imaxe dun San Sebastián de palla, e que saía dende o adro do Santuario dos Remedios, no centro de Castro Caldelas. Detrás del ían centos de fachós pequenos acesos, seguindo un percorrido polo casco vello da vila, ata o castelo, nun camiñar só iluminado polas chamas.
Esta singular procesión de lume remataba no punto de partida: o adro do santuario, onde se queimaban todos os restos nunha gran fogueira, culminando o rito do lume purificador en medio do toque de campás.
A partir de aí comezaba o apartado gastronómico e musical dos Fachós, con chourizos feitos e curados con fume de carballo de Castro Caldelas, co pan artesán de forno de leña, co viño da D.O. Ribeira Sacra e cunha monumental “queimada”. E mentres se desfrutaba deles, contábase coa música de charangas e grupos musicais.
Os Fachós do 2025 tiñan como novidade a proxección dun vídeo sobre a sementa, sega, acarrexa, malla e Festa dos Fachós ,que se reproducirá de forma permanente no Museo dos Fachós, sito no castelo e cuxa inauguración se prevé en breve.
Fotos e vídeos: O SIL.