
Tras o éxito da súa primeira edición, a Asociación Ruta do Viño Valdeorras volve apostar por “Entre Viñas”, unha experiencia enoturística que convida a mergullarse no corazón do viñedo e descubrir como a paisaxe, o solo e o traballo dos viticultores dan forma a algúns dos viños máis singulares da Denominación de Orixe Valdeorras.
A cita terá lugar o próximo 5 de setembro e propón un percorrido exclusivo por cinco viñedos situados en Éntoma (O Barco), A Rúa e Petín, guiado por Jorge Mazaira, director técnico da D.O. Valdeorras; quen acompañará aos participantes nunha viaxe para coñecer de primeira man as particularidades de cada parcela, os seus solos, orientacións e o papel que desempeñan na identidade dos viños que alí nacen.
“Máis que unha visita, “Entre Viñas” ofrece unha inmersión na cultura vitivinícola de Valdeorras, achegando ao público ao valor do viñedo como orixe do viño e poñendo en relevo o traballo e a dedicación que hai detrás de cada botella. Ao longo da xornada, os asistentes percorrerán cinco viñedos representativos do territorio, o que lles permitirá comprender a diversidade de paisaxes que caracterizan á comarca”, adiantan dende a Ruta do Viño de Valdeorras.
A xornada comezará cun percorrido por tres dos cinco viñedos que forman parte da experiencia, onde os participantes poderán descubrir as características de cada parcela, os seus chans, orientacións e o estreito vínculo entre a paisaxe e a personalidade dos viños de Valdeorras.
Ao mediodía, a ruta fará unha pausa para desfrutar dun xantar maridado na Pontevella, unha oportunidade para seguir descubrindo a riqueza e diversidade vitivinícola do territorio tamén a través da súa gastronomía.
Pola tarde, a experiencia continuará coa visita aos dous viñedos restantes, completando un percorrido que permitirá comprender a singularidade de cinco parcelas representativas de Valdeorras e o traballo que hai detrás dos seus viños.
A actividade desenvolverase aproximadamente entre as 11.00 e as 19.30 horas, con saída en minibús desde as estacións de autobuses da Rúa e O Barco de Valdeorras. O prezo de inscrición é de 50 euros e inclúe o transporte, as visitas guiadas aos cinco viñedos, as degustacións e o xantar.
Con esta nova edición de “Entre Viñas”, “a Ruta do Viño Valdeorras reafirma o seu compromiso cun enoturismo auténtico e de calidade, invitando a descubrir o territorio desde a súa orixe: o viñedo. Unha proposta que combina paisaxe, patrimonio, coñecemento e gastronomía para ofrecer unha experiencia inmersiva que permite percorrer cinco viñedos singulares e comprender como cada parcela imprime o seu carácter aos viños de Valdeorras”, resaltan dende esta entidade.
As prazas son limitadas e as reservas poden realizarse a través do formulario dispoñible nas apartado “Experiencias” da páxina web da Ruta do Viño Valdeorras.
