ConcellosEn portadaÚltima horaVídeos

Unha nova furgoneta de axuda humanitaria valdeorresa viaxa rumbo a Alfafar (C. Valenciana)

Ademais o vindeiro venres sairá máis material doado noutro envío en furgonetas organizado por voluntarios de Vilamartín

 

Arredor das once desta noite de 11 de novembro saía dende O Barco unha nova furgoneta cargada con axuda humanitaria con destino, nesta ocasión, a Alfafar, unha das localidades máis afectadas pola DANA do pasado 29 de outubro. Serán novamente voluntarios valdeorreses os que se encargarán de entregar in situ (como xa fixeran o 4 de novembro coa carga de tres furgonetas que descargaban a axuda en Catarroja) o diverso material da recollida. “O importante é entregar todo este material ao pobo”, destacan os coordinadores da iniciativa.

https://youtube.com/shorts/TDsNbNRRETU?feature=share

Dende botas de diferentes números, auga, leite, diversos alimentos (zumes, café, legumes, cebolas, pasta, arroz…), alimentos sen gluten, produtos de limpeza e de hixiene, desinfectantes, cepillos e mesmo EPIs ata edredóns, solicitados polos propios veciños, e mesmo contos e doces para os máis pequenos para darllos en persoa. Cada un deses produtos eran unha mostra da resposta solidaria valdeorresa a esta catástrofe, que os voluntarios ían recollendo ao longo destes días en dous puntos: o Café Teatro Bajo 5 e Las Recetas de la Abuela. Un material que ía tamén acompañado de mensaxes de ánimo e cariño escritos a man ou mesmo en forma de debuxos para os receptores del.

 

Cedida.

 

A intención dos coordinadores desta recollida solidaria era poder encher outras dúas furgonetas máis, pero non foi posible contar cos vehículos. Por iso o material que non puido saír hoxe, fárao o vindeiro venres nas furgonetas que levarán tamén as doazóns reunidas na campaña que se está a realizar en Vilamartín de Valdeorras.

 

 

Por agora, e ata novo aviso, deterase a recollida solidaria en Café Teatro Bajo 5 e Las Recetas de la Abuela, que agradecen emocionadas a gran resposta solidaria tanto en doazóns (de particulares, empresas, clubs, residencias de anciáns, etc.) como as colaboracións das persoas que traballaron como voluntarios para organizar e empaquetar os produtos doados.

 

 

A idea é iniciar abrir unha nova campaña de cara ao Nadal, a mediados de decembro, cos produtos que se demanden nese momento, así como con xoguetes para os nenos e doces navideños. Ademais a roupa que non puido saír nos envíos realizados ata agora deixarase ata o momento no que lles cheguen demandas dende as localidades afectadas.

Fotos: O SIL.

 

Artigos relacionados

Back to top button