SanidadeÚltima hora

Unha oncóloga do CHUO coordina a nova guía nacional para o diagnóstico e tratamento de pacientes con cancro de esófago

A doutora Ana Fernández Montes lidera a actualización das recomendacións clínicas, xunto coa doutora María Alsina, do Hospital Universitario de Navarra

 

A oncóloga Ana Fernández Montes, do Servizo de Oncoloxía Médica do Hospital Universitario de Ourense, é a coordinadora principal da nova Guía Nacional para o diagnóstico e tratamento do cancro de esófago, unha actualización que recolle os avances máis recentes no manexo desta enfermidade.

A elaboración desta “Guía clínica SEOM-GEMCAD-TTD de cáncer de esófago 2025” realizouse en colaboración con especialistas de toda España e contou tamén coa coordinación da doutora María Alsina, oncóloga médica do Hospital Universitario de Navarra, nun traballo conxunto impulsado por sociedades científicas de referencia no ámbito oncolóxico.

O cancro de esófago representa un importante problema de saúde pública, sendo unha das principais causas de morte por cancro a nivel mundial. En España diagnostícanse arredor de 1.800 novos casos cada ano, cunha supervivencia a cinco anos que se sitúa entre o 15% e o 20%. A nova guía destaca a necesidade de diferenciar entre os dous tipos principais desta enfermidade —carcinoma escamoso e adenocarcinoma— xa que presentan características distintas e requiren abordaxes terapéuticas específicas. Entre os factores de risco máis relevantes atópanse o consumo de tabaco e alcohol, así como o refluxo gastroesofáxico e a obesidade.

No ámbito do diagnóstico, o documento incide na importancia de realizar probas precisas, como a endoscopia con biopsia e estudos de imaxe, para determinar a extensión do tumor e poder establecer o tratamento máis adecuado en cada caso.

 

 

En canto ao tratamento, a guía recolle un enfoque multidisciplinar que combina diferentes opcións segundo o estadio da enfermidade. Nos casos iniciais, poden empregarse técnicas menos invasivas como a resección endoscópica ou a cirurxía. Nas fases máis avanzadas, recoméndase a combinación de quimioterapia, radioterapia e intervención cirúrxica.

A oncóloga ourensá, Ana Fernández Montes, destacou que “un dos avances máis relevantes desta actualización é a incorporación de novos tratamentos dirixidos e da inmunoterapia, que permiten mellorar a resposta do organismo fronte ao tumor e incrementar as opcións terapéuticas, especialmente nos casos máis avanzados”.

Ademais, a guía introduce cambios importantes no manexo do adenocarcinoma localizado avanzado, establecendo novos esquemas de tratamento que melloran a supervivencia dos pacientes, así como recomendacións máis precisas para o seguimento e control da enfermidade tras o tratamento  .

A doutora Fernández Montes subliña “que a mellora dos resultados clínicos depende en gran medida dun enfoque coordinado entre diferentes especialidades médicas, así como dun seguimento continuado dos pacientes para detectar posibles recaídas e mellorar a súa calidade de vida”.

Con esta nova actualización, coordinada desde Ourense, dáse un paso adiante na atención ao cancro de esófago, ofrecendo aos profesionais sanitarios ferramentas baseadas na evidencia científica máis recente e contribuíndo a unha medicina máis personalizada e eficaz.

Back to top button