Na Rúa, e máis en concreto na Adega Alan de Val, comezaba a experiencia de peregrinaxe no Camiño de Inverno da parella madrileña formada por Beatriz Montero García e Luis Suárez Perez. “Esta ruta une as nosas dúas paixóns: o viño e o Camiño de Santiago”, tal e como explicaban onte, 3 de xullo, ao Periódico O SIL despois de visitar a cova e as instalacións desta adega e de catar os seus viños. “Para nós o Camiño comeza aquí”.
Descubrían por azar esta ruta xacobea valdeorresa, da que nunca oiran falar. “Este é o cuarto ano consecutivo no que facemos o Camiño de Santiago. Empezamos polo Francés, seguimos polo portugués e o ano pasado escollemos o do Norte. E mentres percorríamos este último, na primeira etapa, tras subir unha destas costas infernais, había un bar e entramos nel. Alí a rapaza que o rexentaba preguntounos se era o noso primeiro Camiño, explicámoslle que iamos polo terceiro e entón recomendounos facer o Camiño de Inverno, dicíndonos ademais que nel se vía un viñedo moi bonito”, lembra Beatriz.
“Xustamente xunta o o mundo do viño, que nos encanta, co Camiño de Santiago, e así enganchounos a idea. Era a mestura perfecta para poder desfrutar de ambas cousas”, engade Luis.
Ade,aos Beatriz confesa que cando estaban a facer o Camiño do Norte, xa estaban pensando no de Inverno. “Estábao desexando, e despois tivemos a sorte de coincidir con Joaquín Sánchez (de Alan de Val), e xa está sendo unha experiencia única”. Por iso, en lugar de seguir a ruta dende o seu inicio, en terras bercianas, decidían partir da Rúa. “E unha cousa ben curiosa e iso é porque son amantes do viño”, apunta Joaquín Sánchez.
E así o ratifican este peregrinos de Moratalaz (Madrid). “A min encántame o viño, pero sobre todo o godello de Valdeorras, por iso chamoume a atención especialmente este itinerario”, asegura Beatriz. Este é a primeira vez que ambos visitan Valdeorras e confesan que, nada máis baixarse do tren na estación, namoráronse das súas paisaxes. “Sorprendeunos moitísimo, as montañas, o río… E logo tamén as zonas afectadas polos lumes do pasado verán que, por moito que o vexas nas noticias, ata que vés aquí non te fas unha idea de todo o que se levaron as chamas. A min persoalmente encántame o mundo do viño-viñedos, e chamoume abraiaoume moito todo o que vin dende que cheguei”. De maneira moi similar se manifesta o seu compañeiro. “É un enclave precioso, coas montañas e as ladeiras, pendentes de viñedo, o bonito que é o río… Resulta un enclave ideal a verdade”.
E, nese marco, descubrían os viñedos, a adega e a cova de Alan de Val, “un sitio para quedarnos a vivir”, resalta Beatriz. “A experiencia”, prosegue Luis, “está resultando redonda, porque isto amosa tamén as orixes, todo o que viviron os produtores do viño e, logo, pechamos o ciclo probando os seus viños”.

Así mesmo Beatriz resalta o interesante potencial enoturístico desta zona. “A pesar de que somos persoas xoves, temos feito moito enoturismo a nivel nacional, visitamos adegas en Menorca, en Madrid, na Rioxa, en Ribera del Duero… levamos máis de trinta e de moito prestixio. Pero a paisaxe que ten Valdeorras resulta realmente espectacular, xamais viramos algo así e o feito de ter as parras na propia adega…”, destaca. “Ademais”, apunta Luis, “á parte do entorno, isto faise como máis persoal, cercano, a verdade é que está resultando unha experiencia moi diferente”.
A primeira hora da mañá deste sábado 4 de xullo, esta parella de peregrinos iniciaba o Camiño de Inverno, aproveitando os seus días de vacacións, apenas unha semana. “Imos andar etapas de 40 km para poder completer o itinerario nese tempo”, explican. E, unha vez cheguen a Compostela, para completar o traxecto só lles quedaría o treito entre O Bierzo e Valdeorras. Polo que, rematarán no seu punto de partida, A Rúa, unindo novamente viño e peregrinaxe.
Fotos cedidas.

