ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Unha trintena de palanadores no I Aberto de Billarda de Trives

Luis Pereira lograba o mellor resultado nesta cita organizada pola Caniceira en colaboración coa Liga Nacional de Billarda

Cun obradoiro sobre cómo xogar á billarda comezaba ás once da mañá do 8 de agosto á xornada dedicada en Trives a este xogo tradicional. Despois, ás doce, levábase a cabo un Aberto (campionato) de billarda coas normas da “Liga Nacional de Billarda” (LNB).

“A pesar das numerosas baixas debido ás festas do día anterior, unha trintena de palanadores acudiron á chamada da LNB e participaron no I Aberto de Trives organizado pola Caniceira”, indican os seus promotores. Tiña como escenario a finca da Barreira e, malia que a organización proporcionou material para todos os participantes “cedido para a ocasión polo gran Lito de Ourense, o famoso construtor de Trives, José Luis, elaborou as súas propias billardas durante a semana e chegou disposto a gañar o aberto”, matizan dende A Caniceira.

Así a primeira semifinal desputábana José Luis, Che e Vidal. Os dous primeiros sairon con forza con grandes golpes. “Vidal quedou retrasado, pero a súa constancia e os erros dos seus rivais converterono no 1° finalista. Na segunda semifinal xogaron Víctor, Luis Pereira e Ángel. Ángel e Víctor partían como favoritos, pero Luis, a pesar dos asubíos do público pola súa vestimenta, con 2 golpes maxistrais consumou a sorpresa e clasificouse para a final”, sinalan dende a organización.

Nun principio o premio establecido era unha botella de licor café, pero tendo en conta a xuventude de Luis Pereira, a organización decidía modificalo e entregáballe ao vencedor unha camiseta da Caniceira e varias chapas. Na entrega de premios Pereira amosábase aberto a recibir ofertas das mellores franquicias da LNB e convertirse en profesional deste deporte.

Dende a A.C. A Caniceira manifestábase o seu agradecemento “á xente que fixo posible e colaborou neste aberto e en especial á Liga Nacional de Billarda, ao xornal O Sil, a Lito de Ourense e a Policía Local de Trives”.

Fotos: Carlos G. Hervella
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button