
A Xunta porá en marcha o vindeiro 1 de novembro dunha Unidade de Ictus no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense que contará con seis camas de hospitalización con monitorización multiparamétrica non invasiva.
O Executivo galego abordou na súa reunión semanal a posta en marcha desta nova unidade da rede do Servizo Galego de Saúde, na que a Xunta leva traballando máis de dous anos para poñela en funcionamento.
Una unidade de ictus é unha estrutura xeograficamente delimitada para o coidado dos pacientes con esta enfermidade, con criterios de ingreso preestablecidos, monitorización continua non invasiva multiparámetro e persoal adestrado e especificamente dedicado, e baixo a coordinación de neurólogos expertos que colaboran con outras especialidades médicas relacionadas.
Conta con persoal e servizos diagnósticos dispoñibles as 24 horas do día, vías clínicas e protocolos para o manexo dos pacientes baseados nas evidencias científicas máis actualizadas.
En concreto, a unidade que se vai abrir en Ourense estará composta, inicialmente, por dous neurólogos (máis outro de garda) e catro profesionais de enfermería da unidade de hospitalización, para a atención de maior complexidade dos pacientes ingresados en todas as quendas, todos os días da semana. Tamén contará con dous técnicos de coidados auxiliares de enfermería para atención de doentes con alto nivel de dependencia.
A área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras presta atención sanitaria a máis de 295.000 pacientes, dos que o 32 % teñen 65 anos ou máis. A tendencia demográfica da poboación ourensá apunta a un incremento na incidencia do ictus isquémico e a indicación de tratamento activo tamén ten unha tendencia crecente, abranguendo un rango de pacientes cada vez máis alto. En concreto, nos anos 2023 e 2024 activáronse nesta área 233 e 251 códigos ictus, respectivamente.
No momento actual, implantada xa desde o mes de maio a garda de presenza física de Neuroloxía no Hospital Universitario de Ourense, o diagnóstico de tipo de ictus e a indicación de fibrinolise está a cargo dos neurólogos. A monitorización posterior á fibrinolise está a facerse na UCI ata que se poña en marcha a nova unidade o vindeiro 1 de novembro.
Na actualidade, o Servizo de Neuroloxía da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras conta cun xefe de servizo e 12 facultativos.
O avance realizado no tratamento na fase aguda do ictus, fundamentalmente a organización da asistencia urxente, o manexo dos pacientes en unidades de Ictus e as terapias de reperfusión no ictus isquémico agudo, permitiron mellorar o prognóstico funcional dos pacientes.
Cinco unidades en Galicia
Con esta nova unidade de ictus de Ourense, xa son cinco os hospitais da rede do Servizo Galego de Saúde que contan con esta prestación, posto que xa a tiñan os hospitais públicos universitarios da Coruña, de Santiago de Compostela, de Vigo e de Lugo. Todos estes centros contan, ademais, con gardas presenciais de neuroloxía as 24 horas do día, en concreto: desde o ano 2022 os hospitais da Coruña, de Santiago de Compostela e de Vigo; e desde este ano os hospitais de Lugo e o de Ourense.
En consecuencia, o establecemento de cinco gardas presenciais simultáneas as 24 horas do día os 365 días do ano supón un grande avance na atención ao ictus ao garantir a presenza física de especialistas no propio centro hospitalario durante todo o día, xa que a atención presencial permite unha valoración clínica máis completa, unha comunicación máis fluída co paciente e co equipo médico, así como unha maior capacidade de actuación inmediata.
Código Ictus
Denomínanse ictus ás alteracións transitorias ou definitivas do funcionamento dunha ou varias áreas do encéfalo (cerebro, cerebelo, tronco cerebral) que aparecen como consecuencia dun trastorno da circulación sanguínea rexional, ben por déficit desta (isquemia) ou ben por hemorraxia.
O Plan de Asistencia ao Ictus en Galicia (Código Ictus) elaborouse no ano 2016 co fin de homoxeneizar a atención ofrecendo unha adecuada asistencia sanitaria coa máxima seguridade ás persoas que sofren esta patoloxía no menor tempo posible e de xeito equitativo para toda a cidadanía galega.
No ano 2023 procedeuse á actualización do Plan como consecuencia do proceso de mellora continua, promovido polos últimos avances no diagnóstico por neuroimaxe e polas melloras no tratamento endovascular, incorporando toda a nova práctica baseada na evidencia.