O Hospital Universitario de Ourense acolle a exposición “¿Sorolla nun hospital?”, que reúne reproducións de obras do pintor, cedidas polos museos de orixe, á Fundación Cultura en Vea, coa que a Área Sanitaria mantén un convenio de colaboración, para promover a arte nos centros sanitarios, como vehículo de saúde e benestar para pacientes, acompañantes e profesionais ao seu paso polo hospital.
A mostra que agora se presenta en Ourense, coa colaboración do Grupo Saba, estivo antes no Hospital Miguel Servet de Zaragoza e no 12 de Outubro de Madrid, no marco do programa Arte Ambulatoria, de exposicións itinerantes en hospitais e comunidades rurais en risco de despoboamento.
Centrada na Área de Hematoloxía, a exposición dá a benvida ao Edificio de Hospitalización e distribúese entre a planta principal, fronte a Admisión, a sétima de hospitalización e o Hospital de Día no Santa María Nai. As imaxes van acompañadas de textos, especialmente creados para conectar coa vivencia que atravesa un paciente e a súa familia, en espazos onde ás veces o tempo é difícil de soportar. Propón así un percorrido visual e poético por algunhas das obras máis icónicas de Joaquín Sorolla, reinterpretadas desde a mirada da saúde, a vulnerabilidade e o coidado.
A selección logra reunir nun mesmo lugar obras dispersas por todo o mundo: os museos Sorolla e do Prado, en Madrid; Carmen Thyssen de Málaga; Belas Artes de Asturias; Museo de Orsay de París; a Galeria Internacional de Arte Moderna de Venecia e a Hispanic Society de America en Nova York.
“A estancia nun hospital pode converterse nunha paréntese fóra da realidade cotiá”, explica Juan Alberto García de Cubas, presidente e fundador de Cultura en Vena. “Por iso creamos un percorrido que convide aos espectadores a atravesar os seus recordos e emocións, a deterse e respirar, aínda que sexa por uns minutos, no medio do seu proceso de enfermidade ou de acompañamento”.

Longa traxectoria apoiando a arte dentro do hospital
Pola súa banda, o xerente da Área Sanitaria de Ourense Verín e Valdeorras, Santiago Camba, agradeceu a Cultura en Vena, e ao Grupo Saba polo seu apoio a esta iniciativa, e destacou a longa tradición da sanidade ourensá apoiando presenza da arte nos hospitais. “Desde a colaboración coa antiga Escola de Oficios, aos murais de Xaime Quessada no Hospital Santa María Nai, os cadros dos “Xaimes” no novo edificio de hospitalización, ou ao artista Mon Devane nas áreas materno infantís dos hospitais de Ourense e Verín”. Ademais agradeceu a numerosa obra doada, incluindo fotografía e escultura.
“Para moitos de nós a escultura de Acisclo ou o mural de Quessada, no acceso ao Santa María Nai, forman parte dos nosos recordos, e sen dúbida os cadros deste edificio son xa un sinónimo de cada especialidade, que dan a benvida e despiden do hospital” dixo Camba, que tamén quixo subliñar o valor da colección de Art Brut de Toén-Piñor, ou a innovadora iniciativa de integración a través da arte que representa ArtEspida. “Estou seguro que as imaxes de Sorolla formarán parte das emocións de moitos que senten neste mesmo espazo, antes do seu ingreso, ou afronten o seu tratamento en Hematoloxía, e confío no seu poder de consolo e apoio” subliñou.
Nesta liña, o xerente destacou que a Organización Mundial da Saúde (OMS) recoñece, xa desde 2019 e en base numerosos estudos científicos, que as prácticas artísticas teñen un impacto positivo na saúde física e mental. Neste sentido, iniciativas como a de ¿Sorolla nun hospital? Non só humanizan os espazos sanitarios, senón que complementan os tratamentos médicos, contribuíndo a reducir a ansiedade, mellorar o estado de ánimo e favorecer a recuperación.

O reto de Sorolla en Ourense
Esta edición de “¿Sorolla nun hospital?” en Ourense inclúe unha proposta participativa: O Reto de Sorolla. Trátase dun xogo de pistas e reflexións que convida aos pacientes, familiares e profesionais a percorrer a exposición de forma distinta, deixando que as obras activen recordos, preguntas e emocións. Unha maneira de converter a visita nunha experiencia compartida, que transcende a contemplación pasiva, e que axuda a facer do hospital un espazo máis humano e creativo.
Neste marco de colaboración, entre a sanidade pública de Ourense e Cultura en Vena, o Hospital Universitario tamén acolle de forma permanente a exposición Pequenos Pacientes, Grandes Lectores, que reúne contos e ilustracións creados por pacientes pediátricos e alumnado de escolas rurais.
A Fundación Cultura en Vena é unha entidade sen ánimo de lucro que leva música en directo, artes visuais e literatura a hospitais e comunidades rurais, co obxectivo de mellorar a saúde e o benestar das persoas, xerar emprego cultural e promover un cambio sistémico, que recoñeza a cultura como un ben de primeira necesidade e un activo de saúde pública. Entre os seus programas destacan Arte Ambulatoria, Músicos Internos Residentes (MIR), Vulnera, Pequenos Pacientes, Grandes Lectores ou Érase unha voz.