Este sábado 4 de outubro, o Auditorio de Verín acollía a segunda xornada do XXI Foro da Igualdade, organizada por FEMURO, que reuniu a veciñanza, representantes institucionais e colectivos de mulleres nun encontro arredor da resiliencia e a loita das mulleres fronte á violencia de xénero.
A sesión daba comezo coa presentación institucional e continuou coa proxección de dúas pezas dirixidas por Mabel Lozano, recoñecida cineasta e activista pola igualdade: Ava, Premio Goya 2024 á Mellor Curtametraxe Documental, e Abril. Hoy no es invierno, estrea en Galicia despois da súa presentación no Festival Internacional de San Sebastián.
“Eu emprego o cine, a arte e a cultura para seguir informando sobre a escravitude sexual que sofren millóns de mulleres”, explicaba Mabel Lozano, quen leva anos convertendo o audiovisual nunha ferramenta de denuncia e sensibilización.

Tras unha pausa para café, o público participou no coloquio con Adriana Cardozo, muller supervivente de trata que compartiu en primeira persoa a súa historia e a súa traxectoria vital. “A prostitución non é un traballo, é unha circunstancia da muller”, afirmou Cardozo, que hoxe dedica o seu tempo a acompañar e visibilizar a realidade das vítimas de explotación.

A xornada serviu tamén para reivindicar o compromiso das institucións e da sociedade coa igualdade e a defensa dos dereitos das mulleres. “A violencia, en calquera das súas manifestacións, non debería ter cabida na sociedade, especialmente aquela que afecta ás mulleres con discapacidade”, destacou Mariví, vicepresidenta de FEMURO, durante o peche da sesión.
Con esta xornada, FEMURO pecha a 21ª edición do seu Foro da Igualdade, consolidado como un espazo de reflexión, aprendizaxe e encontro interxeracional que combina testemuños reais, educación en igualdade e o poder transformador do cinema social.