CulturaCulturaÚltima horaVídeos

Unhas 30 persoas asisten á I xornada ‘Castelao e Valdeorras’, cunha conversa no tren entre Monforte e O Barco

Nesta iniciativa da Fundación Florencio Delgado Gurriarán repásase a relación entre Castelao e o poeta de Córgomo

 

Na mañá deste sábado 4 de outubro, unha trintena de pesoas asistían á conferencia a bordo dun tren, o mesmo que en 1934 tomou Florencio Delgado Gurriarán en Monforte para acompañar a Alfonso Rodríguez Castelao na súa viaxe ao desterro en Badaxoz, a proposta da Fundación do autor valdeorrés para sumarse á conmemoración do Ano Castelao.

 

 

A iniciativa comezaba collendo o tren en Monforte e facendo ese mesmo traxecto ata O Barco de Valdeorras, como Florencio fixera hai máis de noventa anos, pero neste caso para escoitar o relato sobre ese tempo ofrecido polos historiadores Ricardo Gurriarán e Uxío-Breogán Diéguez. “Entre ambos trazaron unha panorámica dende os primeiros contactos de Florencio co galeguismo ata o exilio, na que Castelao foi sempre referente e descrito polo propio Florencio como o guieiro”, din dende a Fundación.

 

 

Explican que Castelao e Florencio coñecéronse en persoa nunha asemblea do Partido Galeguista en Ourense en xaneiro de 1934 e a súa relación intensificouse durante a Guerra Civil, cando coincidiron no goberno da Segunda República na retagarda en Barcelona. “Tamén no exilio, na articulación do movemento cultural e político que conseguiu manter vivo o galeguismo en México e Arxentina, onde recalaron tespectivamente trala victoria fascista”, destacan. Case un século despois, a memoria das súas accións foi analizada nunha xornada que despois de cubrir o traxecto en tren dunha hora, continuou no edificio multiusos do Barco, onde houbo espazo para o coloquio cos asistentes.

 

 

Tanto os conferenciantes coma o público destacaron a singularidade da proposta. “É posible que sexa a primeira conferencia nun tren en marcha que se ten feito no país”, dixo Gurriarán á vez que Diéguez considera que “foi o marco perfecto para falar dun contexto histórico moi relevante” no que se estaba a definir o futuro da autonomía galega. De feito, durante a viaxe, os participantes recibiron un facsímil do Estatuto de Autonomía votado no 36 e refrendado nas Cortes no exilio en 1945. O libro, publicado orixinalmente na Arxentina no anos 40 con comentarios do propio Castelao, foi editado e agasallado á Fundación FDG pola Asociación Galiza Cultura.

 

 

Estas xornadas culturais rematarán mañá, domingo 5 de outubro, con outra conferencia, nesta ocasión sobre o Castelao artista a cargo da investigadora Pilar García Negro. Será ás 12:30 horas na Sala Abanca do Barco (Praza do Príncipe), acompañada dunha exposición da obra gráfica e libros de Castelao conservados pola Fundación.

Fotos: Cedidas /Mónica G. Bellver
Vídeos: Mónica G. Bellver.

Back to top button