Tras un minuto de silencio en memoria das vítimas da DANA, mentres soaba a gaita, encetábase a XVIII Andaina de Outono do Barco. Esta proba, organizada polo Club Peña Trevinca Barco, reunía a unhas 360 persoas de diferentes puntos de Galicia e mesmo algunhas doutras comunidades autónomas.
A saída dábase pasadas as 9h. dende a praza do Concello do Barco nunha chuviosa mañá, despois de que o presidente do club, Miguel de la Cal, dera unha serie de instrucións sobre o percorrido, os puntos de control e o avituallamento. A partir de aí, os participantes podían realizar dúas distancias, ambas con percorrido circular: a longa de 25 km (cun desnivel de 1.096 m.) e a curta, de 15 km.

Aqueles que escollían a distancia longa tiraban dirección ao Serro, continuando despois polo río Cigüeño e saíndo á nacional para coller cara Oval e xirar logo para ir a Reporicelo, que será a segunda subida. A continuación crestearase por baixo das Penas Marías camiño de Xagoaza, onde se afrontará unha terceira subida. Deseguido continuarase por Vilarrica, Mosteiro, O Castro e baixarase por Veigadecabo para entrar novamente no Barco.
O percorrido da andaina curta coincidirá co da longa nos 12 primeiros quilómetros. Porén, unha vez que se pase Reporicelo, pola zona da canteira de Cedie descenderase cara Vilanova. A meta en ambas probas será a praza do Concello.

Estableceranse tres avituallamentos na distancia de 25 km, que se farán coincidir cos controis de tempo, xa que se trata dunha probana que se puntúa a regularidade: un ao pasar o río Cigüeño no km 6,9 (común para andaina de 15 km), un segundo á entrada de Xagoaza (km 13) e o último en Vilarrica. No caso da curta, o avituallamento estará no km 6,9. O programa da andaina concluirá cun xantar para os participantes a partir das 15h. no pavillón vello, onde o menú será arroz con botelo.
Esta andaina será organizada polo Club Peña Trevinca Barco en colaboración co Concello do Barco e trátase dunha cita oficial da Federación Galega de Montañismo, que forma parte da II Liga Xunta de Galicia de Sendeirismo e da Liga Ibérica de Sendeirismo da Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada, que se desenvolve ao longo deste ano 2024.

A organización contaba ademais coa colaboración de voluntarios de Protección Civil do Barco, Manzaneda, A Rúa, Petín, Vilamartín e O Bolo, así como da Cruz Vermella e da Policía Local do Barco.
Fotos: A.R.