En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Unhas 550 persoas asisten a unha nova edición da Ruta dos Fornos de Celavente pasada por auga

 

Esta vez non houbo tanta sorte, polo menos durante boa parte do percorrido, e a chuvia acompañaba dende o inicio aos participantes na XVI edición da Ruta dos Fornos que na xornada deste sábado 2 de maio reunía a unhas 550 persoas en Celavente (O Bolo) seguindo o percorrido circular duns 4,6 quilómetros con paradas para comer nos seis fornos comunais recuperados hai máis dunha década.

 

Pregón de Juan Corzo.

 

Seguindo o formato doutros anos, a ruta comezaba coas oportunas explicacións por parte da organización, a Asociación Centro de Animación Rural Celavente, e o poema escrito por Juan Corzo que, tras dous anos sen poder asistir, nesta ocasión si daba o pregón in situ. A partir de aí, co acompañamento musical de Treboada Arroutada de Tomiño e dos cantos de taberna Abertal, arrancaba a andaina ata o primeiro dos fornos, tras unha pronunciada pendente: o do Viduedo con chourizo asado. A seguinte parada, tamén na parte alta do pobo era no Forno dos Ortos con empanada.

 

 

Baixando cara a parte sur da aldea, os participantes atravesaban soutos e estradas ata a terceira parada no Forno de Outeiro con orella, morro e xamón cocidos. De aí pasaban polos Fornos do Fondo con xamón asado;  do Campo no que servían torta de roxóns; e finalmente o do Cima con roscón onde tiña lugar a homenaxe ás persoas que axudaron a apagar o lume no incendio do pasado verán. Nos catro primeiros fornos había auga e viño e nos dous últimos licores.

 

 

A festa, á que asistía xente chegada dende diferentes partes de Galicia, remataba coma sempre na praza onde a organización instalaba o bar e no seu desenvolvemento traballan unha trintena de veciños do pobo así como voluntarios de diferentes agrupacións de Protección Civil.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información e fotos:

A XVI Ruta dos Fornos de Celavente (O Bolo) arranca baixo a chuvia

Back to top button