Na soleada e calurosa xornada deste Sábado Santo, O Bolo celebraba a XVI edición dunha animada Festa da Vitela. Trala lembranza á “Cantareira de Lentellais” e a apertua da III edidición da feira de produtos tradicionais arredor das 15 horas comezaba o xantar no que se xuntaban unhas 650 persoas para dar conta dun menú elaborado e servido por Mantesil a base de vitela, patacas, chourizos e garavanzos. De primeiro sopa e de postre roscón e bica, ademais da bebida o café e os chupitos. Antes, o Concello tiña un recoñecemento aos veciños que axudaron nos incendios do pasado verán.


Entre os asistentes, moitos veciños do municipio e tamén de localidades veciños como A Rúa e o Barco; e tamén representantes políticos como alcaldes da contorna, o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles ou o director xeral da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte quen destacou o papel deste tipo de festas gastronómicas pola súa “contribución á promoción dos produtos agroalimentarios galegos”.


A festa continúa pola tarde coa feira na carpa instalada diante do pavillón e o acompañamento musical da charanga TDB.

Fotos: Carlos G. Hervella.