SanidadeÚltima hora

Uroloxía do CHUO acollerá as xornadas galegas centradas na presenza feminina e nos avances tecnolóxicos

As XXVI Xornadas Cirúrxicas de Uroloxía consolidan Ourense como un dos principais focos de formación e innovación en uroloxía de Galicia e pon en valor o papel crecente da muller nesta especialidade tradicionalmente masculin

 

O Hospital Universitario de Ourense será o epicentro da uroloxía galega esta vindeiro fin de semana coa celebración das XXVI Xornadas Cirúrxicas de Uroloxía, que terán lugar o venres 14 e sábado 15 de novembro. Baixo o lema “Uroloxía en feminino, á vangarda tecnolóxica”, o encontro reunirá a profesionais de prestixio de toda España e converterá ao CHUO nun referente da innovación cirúrxica aplicada á saúde urolóxica.

As sesións desenvolveranse integramente no Hospital Universitario de Ourense, entre a Aula Cabaleiro Goás e os quirófanos do Servizo de Uroloxía, que se converterán durante dous días nun espazo docente e de intercambio profesional. A edición deste ano presenta dous elementos claramente diferenciadores respecto a anos anteriores. Por unha banda, as xornadas serán abertas, é dicir, contarán con urólogas e urólogos de distintos hospitais de Galicia e ponentes de toda España, e pola outra banda serán integramente mulleres as que participarán tanto como cirurxiás convidadas ou como axudantes nas intervencións en directo.

O encontro destaca polo seu protagonismo feminino, tanto na organización como na actividade cirúrxica. O comité organizador está formado polas doutoras Paula Portela Pereira, Arlene Rodríguez González e Estefanía Romero Selas, todas elas urólogas do CHUO, e tanto as cirurxiás como as residentes participantes son mulleres. “A proposta naceu do noso xefe de servizo, Dionisio López Bellido, que apoiou dende o principio a idea de facer unhas xornadas en feminino e cedernos o protagonismo ás urólogas do servizo para liderar a organización. Foi moi ben acollida, tanto dentro como fóra de Galicia, e todas as compañeiras prestáronse a colaborar desde o primeiro momento”, explica a doutora Paula Portela.

Estas xornadas diferéncianse tamén polo seu enfoque práctico e pola inclusión de procedementos pouco habituais na práctica diaria, algúns deles non dispoñibles habitualmente nos hospitais galegos. “Cada ano intentamos incorporar técnicas que se saian un pouco do común, operacións complexas ou que empregan sistemas tecnolóxicos máis avanzados. Ese é o atractivo das xornadas: aprender o que non se ve todos os días”, sinala a doutora Arlene Rodríguez.

“Todos os cirurxiáns convidados poderán interaccionar coa audiencia mentres se retransmiten as operacións en directo, nun formato docente que permite comentar cada paso e resolver dúbidas en tempo real”, explica a uróloga do Hospital ourensán, Estefanía Romero.

 

 

A revolución da cirurxía robótica

O sistema Da Vinci, ferramenta central destas xornadas, marcou un punto de inflexión na uroloxía. “O Da Vinci revolucionou a nosa forma de operar: ofrécenos máis precisión, mellor visión e un manexo máis cómodo. Democratizou a cirurxía, permitindo que máis profesionais accedan a técnicas laparoscópicas complexas”, destaca a doutora Estefanía Romero. Durante o evento traballarán dous quirófanos en paralelo, un dedicado á cirurxía robótica e outro ás técnicas máis innovadoras de uroloxía funcional e reconstructiva.

As XXVI Xornadas Cirúrxicas de Uroloxía contarán con profesionais de hospitais como o Hospital Clínic de Barcelona, a Fundación Jiménez Díaz de Madrid, o Hospital Universitario de Santiago (CHUS), o Gregorio Marañón, o HULA e o CHUAC, entre outros.

“O máis importante é que abrimos o noso hospital a toda Galicia, cun formato participativo e colaborativo. Haberá representación de todos os hospitais galegos, con urólogas que veñen a operar ou a axudar, e iso amosa o nivel e a unidade da uroloxía galega”, subliña Arlene Rodríguez.

Entre as intervencións destacan:

  • Cistectomía radical asistida por robot con derivación intracorpórea, unha operación complexa que consiste na extirpación completa da vexiga e na reconstrución interna do sistema urinario mediante robot, empregando incisións mínimas.
  • Corrección da incontinencia urinaria (IU), con técnicas innovadoras como a colocación de dispositivos de suxeición que axudan a mellorar o control da urina, moi frecuentes en mulleres tras partos ou coa idade.
  • Prostatectomía radical “Retzius sparing”, unha técnica minimamente invasiva para o tratamento do cancro de próstata que conserva mellor a continencia urinaria e a función sexual.
  • Reparación de fístula vesico-vaxinal asistida por robot, unha operación que repara a comunicación anómala entre vexiga e vaxina, causa de perdas constantes de ouriños, e que se realiza cunha precisión milimétrica grazas á robótica.
  • Colposacropexia robótica, unha intervención para tratar o prolapso (descenso) dos órganos pélvicos, devolvéndoos á súa posición normal mediante o uso de mallas e suturas ancoradas ao sacro.
  • Nefrolitotomía percutánea, que permite retirar cálculos renais grandes a través dunha pequena punción na pel, evitando cirurxías abertas.
  • Tratamento do crecemento benigno de próstata mediante láser (HOLEP) e técnicas como Aquabeam, que empregan enerxía hidráulica para eliminar o exceso de tecido prostático de maneira máis rápida e segura.

Estas operacións amosan como a tecnoloxía e a precisión robótica están a revolucionar o tratamento das enfermidades urolóxicas, ofrecendo resultados máis eficaces e recuperacións máis curtas para os pacientes.

As xornadas contarán con profesionais convidados de hospitais de referencia como o Hospital Clínic de Barcelona, a Fundación Jiménez Díaz de Madrid, o Hospital Universitario de Santiago (CHUS), o Gregorio Marañón, o HULA ou o CHUAC, ademais do equipo anfitrión do CHUO.

 

 

Back to top button