
A primeira edición de V NOVE, Camiño Valdeorras estreábase o 13 de agosto no Castrillón de Larouco cun concerto de Susana Seivane que xuntaba a máis de 250 persoas. Coa primeira cita xa celebrada, a organización desvela agora catro novos eventos que completan a programación de agosto e setembro.
Son Galaico na Praia dos Franceses, o narrador Avelino González na Ponte da Cigarrosa, entre Petín e A Rúa, Maricarme no Castelo de O Bolo e a comedia de Carlos Blanco, David Amor e Leti da Taberna en Casaio completan a programación de agosto e setembro.
Son Galaico leva o seu repertorio á Praia dos Franceses, no encoro de Prada: a primeira praia de interior de Galicia en obter a bandeira azul. É unha cita única pola singularidade do escenario: un concerto ao pé da auga, nun areal de montaña. O dúo mestura ritmos de raíz celta —Galicia, Irlanda, Escocia— con country, pop rock e electrónica, nunha proposta moi ligada á terra e á vida rural. Acaban de presentar Kallaikoi, primeiro adianto do seu álbume debut Lendaira, que levarán á sala Capitol de Compostela en decembro.
Avelino González, unha das voces máis recoñecibles da narración oral galega, actuará na Ponte romana da Cigarrosa, sobre o Sil e pola que pasaba a Via Nova: contar historias ao aire libre nun lugar que leva séculos vendo pasar camiñantes. Trae “Contos que foron chistes”, un espectáculo para público adulto que parte dunha idea simple: moitos dos chistes cos que rimos hoxe son adaptacións de contos vellos —de curas, de ricos, de políticos— que mudaron as formas pero non o fondo.
Maricarme actúa no Castelo de O Bolo, un dos monumentos máis emblemáticos da comarca. A súa primeira construción remóntase aos séculos XII-XIII e chegou a mans dos Condes de Lemos; danado nas revoltas irmandiñas, foi reconstruído a finais do XVI baixo o patrocinio do conde de Benavente. Antes de recuperarse pasou por usos ben distintos: canteira, escola primaria, cárcere e campo de festas.
O trío formado por María Jorge, Cibrán Seixo e Migui Carballido é un dos nomes do novo folk galego: violíns, pandeiros e bouzouki cruzados con sintetizador de baixo e electrónica. Veñen de pasar polo Festival MARÉ, Festiletras ou a Foliada da Fonsagrada, e preparan para este outono o seu primeiro EP.
As dúas primeiras citas, esta mesma semana
O cine ao aire libre da Rúa abre o calendario o 19 de agosto no adro da igrexa de Santo Estevo coa proxección de +Cuñados. Seguiranlle o 26 de agosto na praza da igrexa de Nosa Señora de Fátima, con Padre no hay más que uno 5, e o 2 de setembro na praza do Concello, con El Casoplón. As tres sesións comezan ás 22:00 h e son de entrada de balde.
Cinco días despois, o 24 de agosto ás 20:00 h, Son Galaico actúa na Praia dos Franceses (A Veiga), tamén con entrada libre.
A lousa como escenario
Unha das citas máis singulares do que resta de ciclo celébrase o 26 de setembro en Casaio (Carballeda de Valdeorras), nas instalacións da empresa de lousa Tres Cuñados, unha explotación situada por riba dos 1.000 metros de altitude. Casaio está no corazón dunha comarca que leva máis dun século vivindo da lousa: unha paisaxe de bancadas negras, naves industriais e montes abertos.
Alí poderá asistirse a “Comedia no cumio”, un espectáculo único con tres nomes de referencia da comedia galega: Carlos Blanco, David Amor e Leti da Taberna. É o único evento de pago das catro novas citas; as entradas estarán á venda nos vindeiros días.
“Levar a comedia a unha empresa de lousa en activo resume ben o que quere ser V NOVE: non traer un escenario á comarca, senón usar a comarca como escenario”, aseguran dende este proxecto.
Aínda quedan tres citas por desvelar
O programa de outubro darase a coñecer nas vindeiras semanas. Xa están fixadas as datas e os escenarios: o 3 de outubro no Bañadoiro (Vilamartín), o 10 de outubro na Adega Roandi de Éntoma (O Barco) e o 25 de outubro na Serra da Enciña da Lastra (Rubiá), que pechará a primeira edición.
Nove concellos, un só percorrido
V NOVE non ten un recinto central nin concentra a súa programación nunha fin de semana. O ciclo despregase ao longo do verán e o outono, obrigando —e convidando— a percorrer a comarca de punta a punta: dun castelo a unha adega, dunha praia fluvial a un cume, dunha ponte con orixe romana a unha serra.
O ciclo está patrocinado por Turismo de Galicia, dentro do programa Concertos do Xacobeo, coa colaboración da Deputación de Ourense, e producido pola empresa valdeorresa Ton y Son.
Parte dos eventos son de acceso libre ata completar aforo e outros teñen entrada de pago. As entradas dos eventos de pago están á venda en Ton y Son e en Ataquilla.