
No marco da campaña de vacinación antigripal, esta fin de semana a Consellería de Sanidade porá en marcha unha campaña extraordinaria de vacinación fronte á gripe, dirixida ás persoas de entre 60 e 69 anos, que aínda non foron citadas esta tempada, co obxectivo de frear o avance anticipado da onda gripal e reforzar a protección dun grupo de idade considerado de especial risco.
A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, enviará mensaxes SMS coa cita correspondente, a todas as persoas deste tramo de idade que aínda non foron citadas, nin se vacinaron xa no seu Centro de Saúde ou noutras convocatorias de grupos de risco. A vacinación deste fin de semana na Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras realizarase nos tres centros hospitalarios públicos.
En concreto, no Hospital Universitario de Ourense, habilitaranse tres aulas da área de docencia, na planta cero do edificio de hospitalización (Rúa Cruceiro Quebrado s/n) cun horario continuado desde as 9 da mañá ás 21.00 horas, o sábado e o domingo, 29 e 30 de novembro.
Nos hospitais públicos de Valdeorras e Verín, a campaña concentrarase na xornada do sábado 29, no mesmo horario de mañá e tarde de 9 a 21.00. No caso do de Valdeorras o punto de vacinación estará na biblioteca, e no de Verín no punto habitual no salón de actos.
Previr complicacións neste grupo de risco
Sanidade lembra que a vacinación é a ferramenta máis eficaz para previr complicacións e reducir a incidencia da gripe, especialmente nun ano no que a circulación do virus estase a adiantar con respecto a tempadas anteriores.
Ourense, segundo datos de onte mesmo, mantén unha cobertura de vacinación antigripal superior ao 82%, entre a poboación maior de 80 anos, e do 66% no grupo de 70 a 79 anos. No caso do tramo de idade obxecto desta campaña extraordinaria, a cobertura é ata o momento do 28%.
A Xunta fai un chamamento a todas as persoas e grupos nos que se recomenda a vacina para protexerse fronte á gripe e a Covid-19, co fin de diminuír o impacto destas enfermidades durante os meses de inverno.