En portadaÚltima hora

Valdeorras reforza a súa proxección no sur de España cunha completa axenda profesional en Málaga

22 adegas da denominación de orixe participarán na Experiencia Verema que se celebra este luns na cidade andaluza

 

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras intensifica a súa estratexia de promoción no sur de España cunha destacada presenza en Málaga, onde desenvolverá unha completa axenda de accións dirixidas a profesionais e prescritores do sector vitivinícola entre o luns e o martes da próxima semana.

Un dos eixes centrais deste conxunto de actividades será a participación de 22 adegas da denominación na 11ª edición da Experiencia Verema Málaga, na que se presentarán un total de 31 referencias da comarca: 26 viños brancos e 5 tintos. Esta cita terá lugar o luns 27 de abril no Gran Hotel Miramar GL (Paseo Reding, 22-24), en horario de 11:30 a 15:00 e de 17:00 a 20:30.

Sobre a Experiencia Verema

A Experiencia Verema é un evento enolóxico de referencia que percorre distintas cidades españolas e configúrase como un showroom de viños no que adegas de todo o país presentan as súas elaboracións en formato de degustación aberta.

Trátase dun encontro que reúne profesionais do sector, como sumilleres, distribuidores, hostaleiros e medios especializados, xunto a afeccionados, favorecendo o intercambio de coñecemento, a visibilidade das marcas e a xeración de oportunidades comerciais.

No que vai de ano, o Consello Regulador da D.O. Valdeorras xa participou en dous eventos promovidos por Verema nas cidades de Madrid e Valencia.

Outros actos promocionais

Porén, en Málaga, a axenda do Consello Regulador non se limitará a este evento. O martes 28 pola mañá está prevista unha presentación da D.O. Valdeorras, acompañada dunha cata na Escola de Hostalería de Málaga.

Ese mesmo día, pola tarde, celebrarase unha nova presentación con cata ante os membros da Asociación de Sumilleres de Málaga. Ambas as sesións contarán coa participación do director técnico da denominación, Jorge Mazaira.

“Estas accións permiten reforzar o posicionamento de Valdeorras nun mercado estratéxico como o andaluz, achegando os nosos viños tanto a profesionais do sector como a futuros prescritores. O contacto directo con sumilleres, hostaleiros e alumnado especializado resulta fundamental para transmitir a identidade dos nosos viños e consolidar relacións que son clave para o crecemento da denominación”, valora Mazaira.

Back to top button