Polo dereito “á protección da saúde” a cidadanía valdeorresa concentrábase esta tarde fronte ao Hospital Público de Valdeorras, convocada pola CIG, e chegando a cortar a avenida Conde Fenosa do Barco. Numerosas persoas asistían a este acto en “defensa da sanidade pública” e do hospital valdeorrés, no que se prodecía á lectura dun manifesto, por parte do sindicalista Suso Vilasánchez. Nel comezaba lembrándose cando o “HCV era un ente autónomo, nos seus mellores tempos” e os numerosos servizos cos que contaba.
“No ano 2011 figuraban como cadro básico de persoal 401 traballadores, máis aparte estaban contratadas de modo permanente 9 profesionais e tamén contaba como empresas concertadas como a de limpeza e seguridade. Os cadros básicos de persoal eran públicos e coñecidos por todos e podían atoparse no DOG. Deses 401 traballadores, 272 eran persoal sanitario asistencial máis admisión e deses: 62 eran facultativos médicos”, dicía Vilasánchez. “Iso era este hospital, e o que este hospital non podía solventar o derivaba a outro de maior complexidade. Pero decidíase nel o que él necesitaba, manexaba él as súas propias listas de espera”.
No manifesto tamén se preguntaba “¿lembrades o Servizo de Medicina interna?, cando este hospital era un ente autónomo ese potentísimo servizo tiña 2 postos de Xefatura Dr Masferrer e o Dr Eneriz , mais 7 facultativos especialistas en Medicina Interna máis un pneumólogo xunto a eles. 10 profesionais que incluso actuaban de médicos consultores polos distintos centros de saúde. Hoxe son 4 persoas e sen pneumólogos. Compañeiros este deterioro que referimos para Medicina interna pode ser tomado como o modelo xeral do HCV. O HCV foi un pequeno gran hospital ate que se implementaron as EOXIS e deixamos de ser autónomos”.
A partir de aí, o manifesto comentaba o que supuxo a creación das EOXI (estruturas organizativas de xestión integrada), creadas polo Decreto 168/2010, do 7 de outubro) e como foi evolucionando dende entón a situación do hospital valdeorrés ata a actualidade. “Hoxe o hospital non esta dimensionado para as súas necesidades, nin sequera ten os servizos adecuados ás necesidades da súa poboación de referencia. Porque por exemplo, todos sabemos que Valdeorras é o epicentro da silicose non xa da Galiza senón do estado español, mais o hospital non conta cun servizo de pneumoloxía nin cunha praza de pneumoloxía pese a ter xa catro prazas de MI orzadas sen ocupar, unha das cales podería ser ocupada polo pneumólogo”.

Ademais, neste texto falábase das “inasumibles listas de espera, dos profesionais que marchan, dos tempos de espera interminables, nas viaxes a Ourense por cousas que antes non iriades, na necesidade de ir á medicina privada por falta de resposta da pública”, por iso, “enfrontámonos á non adecuación dos recursos sanitarios ás necesidades”. E o manifesto concluía asegurando que “temos motivo de sobra para a mobilización social, para a reivindicación, para a esixencia dos nosos dereitos.

Intervencións das asociación de De Nai a Nai e Asilival
Nesta concentración tamén tomaban a palabra a representantes da Asociación De Nai a Nai, quen amosaban o seu respaldo á concentración “polo abandono que está sufrindo a sanidade nesta comarca, abandono que nos toca de cheo. Esta EOXI e a xerencia nunca estiveron dispostos a falar con nós, sempre atopamos as portas pechadas para dialogar e buscar solucións aos problemas que observamos e que chegan a través das nais”.
Ademais, engadían, “a atención sanitaria de nais e bebés está descuberta dende o momento no que faltan profesionais e a única resposta da xerencia de Ourense é que a atención está garantida, ¿pero para quen se non hai un pediatra? ¿que atención garantida teñen os nosos fillos e fillas? O único que oimos son mentiras. Reivindicamos o dereito á crianza nunha área con garantías e coidados para as familias, non queremos unha sanidade de segunda”.
A súa intervención remataba entre aplausos e despois tomaba a palabra o presidente de Asociación de Silicosis de Valdeorras, Jose Rodríguez, quen apoiaba tamén esta concentración e comentaba que dende a creación desta entidade reuníronse en varias ocasións coa xerencia, pero “para nada, para perder o tempo, e contarnos mentiras”.
Ademais referíase ao mal estado das comunicación, en concreto a estrada N-120, “unha nacional cento de merda pola que nos fan ir a Ourense e a Vigo aos silicosos. Señores políticos, unha comarca unida fai moita forza, pensai iso”.


A concentración pechábase cunha nova intervención de Suso Vilasánchez, quen aseguraba que “nós non imos calar, poden conseguir un neumólogo sen gastar un peso. A desculpa será que hoxe nos din que van convocar 18 prazas, que casualidade. Sabían que hoxe iamos estar aquí e convocan 18 prazas. Nós imos seguir e se fai falta sacarémoslle os cores. Temos que ser consciente da gran forza que temos”. E remataba agradecendo a participación.
Velando pola seguridade, xa que se cortaba a céntrica avenida Conde Fenosa, estaba a Policía Local do Barco e a Garda Civil.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: O SIL.
