EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Valencia réndese aos viños da D.O. Monterrei

Esta denominación de orixe presentaba alí a nova anada coa participación de 34 referencias de 19 adegas

Cedida.

 

A Denominación de Orixe Monterrei triunfa en Valencia con a presentación da nova anada dos seus viños. A cita permitiu afianzar a aposta da denominación polo mercado mediterráneo. Nesta iniciativa presentáronse un total 34 viños de 19 adegas, das 29 que conforman esta denominación.

O evento desenvolvíase en Mercador, un dos locais de moda na cidade levantado nunha antiga tonelería do século XIX. A D.O. Monterrei ofrecía un túnel do viño para que os asistentes a esta iniciativa descubrisen non só as súas variedades máis representativas, Godello, en brancos e Mencía, en tintos, senón tamén coupages con outras variedades autóctonas como Treixadura e Dona Branca, no caso dos brancos, e Araúxa, Sousón ou Caíño Tinto nas elaboracións de tintos.

Dentro deste túnel participaron as adegas: Ladairo, Pazo das Tapias, Gargalo, Castro de Lobarzán, José Luis Gómez Ibáñez (Valderello), Crego e Monaguillo, Terras do Cigarrón, Triay, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Fragas do Lecer, Vía Arxéntea, Abeledos, Pazo de Valdeconde, Tabú, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Fausto Rivero (Quinta Soutullo), Manuel Vázquez Losada, Alejandro Ramón Blanco Dijkhoff (Ramón Bigotes) e Terra de Godello.

A presentación resultaba un éxito, tanto pola asistencia de profesionais do sector como pola incrible acollida dos viños, segundo trasladaron os participantes no mesmo. Ademais, serviu de escaparate para a presentación da “Ruta Viño do Verán D.O.Monterrei” na que participan seis locais: La Marítima, La Ferrera, Bodega Biosca, Vinostrum e Travieso, que contarán con diferentes accións como catas ou maridaxes, “na que brillarán “Godellos” e “Mencías” de Monterrei, demostrando que son o perfecto complemento para a gastronomía mediterránea”, destacan dende a D.O.

Durante a presentación o xerente da Denominación de Orixe Monterrei, Gonzalo Losada, remarcou que “os verdadeiros protagonistas do éxito son as adegas e viticultores que, grazas ao seu traballo e dedicación, ofrecen viños de excelente calidade”. “Os viños de Monterrei falan por si sós, achegan unha diversidade e posibilidades de mercado que teñen características diferenciadoras”, engade.

Back to top button