
Desde o BNG do Barco de Valdeorras veñen de emitir un comunicado no que valoran a dimisión de Alfredo García como alcalde. “Respectamos -non pode ser doutra maneira- a súa decisión de renunciar ao cargo de alcalde, ao igual que respectamos os cambios que se producen como consecuencia desta dimisión”, din, asegurando que máis dun cuarto de século gobernando con maioría absoluta” é tempo suficiente para desenvolver o proxecto de concello que o alcalde e o seu partido queren. Son moitos anos como para que un concello non evolucionase ou puidese evolucionar. Malo se en todo este tempo non puideramos atopar logros e cousas ben feitas”.
Recoñecen que tempo haberá de “analizar polo miúdo o labor de Alfredo García na alcaldía do Barco”, aseguran expoñendo que “se ben nos primeiros anos a súa chegada supuxo un aire de renovación democrática -despois de anos de desleixo de alcaldes anteriores-, nos últimos tempos, o seu goberno viuse arrastrado por dous dos peores vicios da política municipal galega: gobernar por inercia e considerar a maioría absoluta como un cheque en branco para non consultar a oposición ou a cidadanía”. Segundo o BNG O Barco, a ollos da veciñanza, “preséntase degradado e con falta de oferta a todos os niveis”, asegurando estar “preparados para darlle un aire fresco ao concello despois de tantos anos de goberno do PSOE”.
“A nivel persoal, desde o BNG do Barco, os nosos mellores desexos para Alfredo García”, concúe o comunicado.