A comarca de Valdeorras conta cun novo servizo vencellado ao mundo da limpeza e da automoción. Na rúa Progreso, 92, a carón do Centro Cultural Avenida da Rúa, está Vázquez Detailing, un centro de limpeza integral do vehículo (proceso avanzado de limpeza, restauración e protección, tanto no exterior coma no interior) que abría as portas hai apenas un mes e medio.

Á fronte está Manuel González Vázquez, natural da Peroxa, que chegaba á Rúa (de onde é a súa parella) hai uns catro anos, xusto despois do Covid e decidía embarcarse nesta aventura. “Sempre fun moi curioso, de feito arranxo móbiles, pero todo de forma autodidacta, aprendín só e levo traballando dende os 18 anos”, conta Manuel que comezaba en Ourense na rama Sociosanitaria, un traballo complicado de manter nesta comarca.

As súas circunstancias persoais requerían máis da súa presenza cerca de casa polo que dándolle voltas decidía lanzarse pola rama da automoción e tras un ano de traballo para poñer a punto o local (uns 140 metros cadrados do que é a zona de lavado con tres prazas de aparcamento, a maiores da oficina e un baño) abría o taller no que, con meticulosidade e profesionalidade realiza a limpeza integral do vehículo. “Absolutamente todo, ata a última peza do coche, desmontar, limpar e colocar tapicería e calquera recoquevo… Despois tamén facemos correccións de pintura, tratamentos antichuvia, aplicación de TPFs (como as pantallas protectoras dos móbiles)… “Isto de momento non o facemos, igual que outros servizos que daremos máis adiante porque aquí o que máis se fai de momento é o lavado normal”, explica Manuel, asegurando que a idea é ampliando o servizo en función da demanda e da súa propia formación “porque require unha formación bastante específica, para ofrecer un servizo de calidade e especializado”, conclúe.
Máis información e cita previa no teléfono con WhatsApp: 988 021 602.
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.