
Verema outorgou a Valdeorras o Premio ao Mellor Consello Regulador de 2025, tal e como vén de informar esta D.O. Para o seu presidente, Marcos Prada Ginzo, é un “recoñecemento ao gran traballo que se está levando a cabo por parte dos nosos viticultores, enólogos e adegueiros, que agora se ve reflectido”. E a eles quixo “trasladar a miña noraboa”.
Ademais deste importante galardón, un viño branco valdeorrés, As Sortes 2024, de Bodegas Rafael Palacios, resultou premiado como tercer Mellor Branco de España, convertíndose no único viño galego premiado neste contexto.
Pola súa banda, a adega con elaboración propia en Valdeorras, Pago de los Capellanes, obtiña o segundo posto na categoría de Adega do Ano.
Os Premios Verema 2025, Los Oscar del Vino, repartiron galardóns en 17 categorías, mediante o sistema de votación popular que rexistrou máis de 340.000 votos outorgados por parte de profesionais do sector e consumidores.
Entrega de galardóns
O acto de entrega dos Premios Verema realizarase o vindeiro martes día 10 de marzo ás 18:30h. dentro do programa de Experiencia Verema Valencia. Posteriormente, terá lugar a Cata Plenaria que culminará cunha Cea de Gala para todos os gañadores, no restaurante La Marítima do edificio Veles e Vents, cuxo menú correrá pola conta do restaurante La Sucursal.
O organizador
Verema é a maior comunidade online de fala hispana enfocada no mundo do viño, a gastronomía e o enoturismo, fundada no ano 2000. Funciona como un portal de referencia con foros, notas de cata, artigos e opinións de restaurantes, ademais de organizar as recoñecidas “Experiencias Verema” para profesionais e afeccionados.