CulturaCulturaÚltima hora

Verín abre o prazo de inscrición para participar no Desfile de Entroidos de Interese Turístico en Santiago

 

O Concello de Verín informa que o prazo de inscrición para participar no tradicional Desfile de Entroidos de Interese Turístico en Santiago de Compostela, que se celebrará o 6 de setembro de 2025, permanecerá aberto ata o 31 de xullo.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición presencialmente na Oficina de Turismo de Verín, en horario de luns a venres, das 09:30 ás 14:00 horas e das 17:00 ás 19:00 horas.

Cada grupo de Entroido de cada concello poderá inscribir un máximo de 35 participantes, e a participación estará suxeita á orde de inscrición ata completar as prazas dispoñibles.

A oficina de turismo informará do lugar e hora de recollida de todos os participantes.

Programa do desfile

O desfile dará comezo o día do evento ás 10:15 horas, coa chegada dos grupos á Dársena de Xoán XXIII, onde serán recibidos por profesionais de Turismo de Galicia. A continuación, os participantes desprazaranse a pé ata a Hospedería de San Martiño Pinario, onde estarán habilitadas salas para cambiarse e descansar, con espazos separados por sexo para aqueles que necesiten maior privacidade ou ducharse ao remate do desfile.

Ás 12:15 horas, todos os grupos deberán estar xa preparados na Praza do Obradoiro, desde onde iniciarán o percorrido ás 12:45 horas, pasando por rúas emblemáticas como a rúa do Vilar, a Praza do Toural ou a rúa Nova, ata regresar á Praza do Obradoiro.

Cada grupo deberá contar cun portaestandarte que levará o cartel co nome do Entroido e do concello que representa, e tamén designar a dúas persoas encargadas de repartir os trípticos promocionais facilitados por Turismo de Galicia.

O desfile rematará ás 14:00 horas, seguido dun xantar colectivo ás 15:15 horas nos comedores da Hospedería de San Martiño Pinario. A saída dos autobuses de regreso aos lugares de orixe está prevista para as 18:00 horas.

O Concello de Verín anima a todos os membros do Entroido a participar nesta actividade de grande proxección cultural e turística, que contribúe á promoción e posta en valor dos nosos Entroidos como elementos únicos do patrimonio galego.

Para máis información:

Oficina de Turismo de Verín – Tel. 988 411 614

Email: turismo@verin.gal.

Back to top button