
A Sala de Exposicións de Verín acollerá do 8 ao 28 de maio a mostra pictórica “Ver, sentir e pintar”, unha colección de obras asinadas por Emilio González Afonso, médico de profesión, exalcalde de Verín e exsubdelegado do Goberno en Ourense. A inauguración oficial terá lugar o venres 8 de maio ás 19:30 horas, na Sala de Exposicións do Concello de Verín.
A exposición reúne unha selección de traballos desenvolvidos ao longo de máis de dúas décadas de dedicación á pintura, unha afección que o autor cultivou de maneira autodidacta desde finais dos anos noventa e que, ata o de agora, permanecía vinculada ao seu ámbito máis íntimo e familiar.
Baixo o título “Ver, sentir e pintar”, Emilio González Afonso presenta unha proposta artística centrada na percepción da contorna e na expresión das emocións a través da pintura, empregando distintas temáticas e técnicas que reflicten a súa evolución creativa ao longo dos anos.
Segundo explica o propio autor, o nome da exposición responde a «unha forma de motivación» que o levou a explorar diferentes estilos e enfoques pictóricos, sempre desde unha perspectiva persoal e emocional. A súa primeira técnica foi o óleo, disciplina coa que iniciou o seu contacto coa creación artística.
Con esta mostra, González Afonso comparte por primeira vez co público verinés unha parte moi significativa da súa traxectoria vital e creativa, contribuíndo ademais á programación cultural do Espazo Cultural de Verín e á dinamización artística do municipio.
A exposición poderá visitarse de luns a venres en horario de mañá, de 10:30 a 14:00 horas, e de tarde, de 16:30 a 18:30 horas. Os sábados abrirá de 10:30 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.
Este evento está enmarcado no programación ofertada polo departamento de Cultura pola Semana das Letras Galegas.