A XVIII Feira do Viño de Monterrei cobraba vida na tardiña do venres 8 de agosto na praza da Alameda de Verín, na que esta edición estarán presentes as seguintes adegas: Gargalo, Adega Valderello, Crego e Monaguillo, Quinta do Buble, Terras do Cigarrón, Triay, Adega Tapias Mariñán, 3 Mentiras, Vía Arxéntea, Abeledos, Setembro, Adega Franco Basalo, Adegas Daniel Fernández, Adega Trasdovento, Quinta Soutullo, Manuel Vázquez Losada, Serra de Alén e Ramón Bigotes.
O horario de apertura das casetas comezaba o venres de 20 a 24h. (venda anticipada a partir das 19horas), e prosegue este sábado 9 de 12:30 a 14:30 e de 19:30 a 1h., e domingo 10 de 12:30 a 14:30 e de 19:30 a 24h.
Ademais das casetas das adegas, están presentes postos gastronómicos aptos para todos os padais (Xamóns Don Francisco, Panadería Roscas, Gofres Matilde, Alacena-Poboa de Sanabria, Queixeria Gaia, Cuscus Foodtruck, Cortador de xamón Juan Álvarez – Xamóns Antonio Martín Verín, Cen por Cel, Cárnicas de Feces e Casa do Pulpo).
O acto inaugural da mostra, con pregón a cargo da actriz Mariana Carballal, tiña lugar a partir das 20h. na praza García Barbón coa presenza de diversas autoridades como o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, o seu tenente de alcalde, Diego Lourenzo; a conselleira do Medio Rural, María José Gómez; o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; e o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; entre outras como o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte.
A quenda de intervencións abríaa o presidente do CRDO Monterrei, Manuel Vázquez, quen agradecía aos “viticultores e adegas participantes, que un ano máis nos acompañan e fan desta feira un referente. Grazas pola vosa calidade, polo voso traballo e polo compromiso cos nosos viños”. E incidía en que “xuntámonos todos aquí, no corazón de Verín, para celebrar moito máis que unha bebida, celebramos a nosa terra, a nosa cultura, o legado de xeracións que, con esforzo, coidaron e dignificaron o viño de Monterrei ata convertelo nun símbolo de calidade, identidade e orgullo galego. Dende a D.O. sentimos unha fonda gratitude e emoción ao ver como os nosos viños ganan cada vez máis recoñecemento dentro e fóra de Galicia”.
Para Manuel Vázquez esta feira “é máis que unha mostra de viños, é un punto de encontro entre tradición e futuro, un escaparate da nosa riqueza vitivinícola e, sobre todo, un recoñecemento ao labor dos nosos colleiteiros, que coidan cada cepa como quen coida a memoria da súa familia, sen o seu esforzo diario nada do que hoxe celebramos sería posible”. E resaltaba que neste 2025 Monterrei “consolídase como unha das denominacións máis dinámicas, auténticas e prometedoras de Galicia”.

Tamén interviña o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, quen presentaba ás diferentes autoridades presentes no acto inaugural, e destacaba que, “como feira do viño, que máis ben isto é unha festa do viño, non creo que haxa ningunha Denominación de Orixe que nos supere. Pode que en afluencia de adegas, porque teñen máis, ou en afluencia de público porque están en sitios onde hai máis xente; pero a socialización que aquí se fai na época na que aquí se fai e o entorno que nós temos é practicamente incomensurable”. Ademais animaba ao público a desfrutar da festa.
Tamén interviña, en representación da Deputación de Ourense, José María Lago, quen poñía en valor o “viño como un factor diferencial, non só na nosa comarca, senón na nosa provincia, sendo a que máis DD.OO. ten en toda Galicia e en toda España”.
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, enxalzaba a Feira do Viño de Monterrei como un auténtico referente do calendario vitivinícola galego. Fíxoo durante a inauguración da 18 edición da festa que se celebra en Verín ata o 10 de agosto.

Na súa intervención, o subdelegado animou aos veciños e veciñas da comarca e aos visitantes a desfrutar destes tres días cheos de actividades como catas, concertos e degustacións. “Esta feira soubo, ao longo das súas edicións, combinar tradición e modernidade, impulsando o recoñecemento da Denominación de Orixe Monterrei dentro e fóra das nosas fronteiras”.
Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, referíase ao papel da viticultura na creación de emprego, na dinamización das comunidades locais e no impulso ao turismo. Apuntaba tamén que a produción de viño é un motor de crecemento sostible, que fortalece a economía galega e que se consolida como piar fundamental para un rural “moderno e atractivo”. Gómez subliñou que Galicia é sinónimo de “calidade” grazas ao traballo dos viticultores e adegueiros, agradecendo a súa entrega e o esforzo por preservar as variedades autóctonas e manter viva unha tradición milenaria que se reflicte “en cada copa de viño” e que fai posible que a “nosa terra brille”, segundo asegurou a titular de Medio Rural.
A conselleira tamén poñía en valor a experiencia de visitar Verín, unha terra “chea de historia”, cunha paisaxe singular e unha “xente excepcional”. Ademais, destacou que é un lugar perfecto para “botar raíces”, como as das vides que se cultivan “con agarimo” na comarca. Ao longo desta nova edición da Feira do Viño, os asistentes poderán comprobar a calidade dos produtos da zona nas diferentes catas e degustacións, nas que participarán a maioría das adegas da contorna. Durante o acto, Gómez destacou que entre os viños de “alta calidade” sobresaen variedades como Mencía, Godello ou Treixadura.

Por último, a conselleira quixo recoñecer de maneira expresa o labor do Consello Regulador do Viño de Monterrei ao longo de máis de tres décadas, destacando a súa contribución á promoción e á calidade, e animou a seguir traballando na defensa da “excelencia dos viños”.
Finalmente tomaba a palabra a pregoeira, a actriz Mariana Carballal, quen facía unha lembranza da súa vivencia da vendima familiar, en Albarellos (Monterrei).

Actividades da feira
Xa nas xornadas do 9 e 10 de agosto, levaranse a cabo catas comentadas e showcookings, para o público adulto. Están previstas ‘Monterrei, sorbos de historia e tendencia’ (ás 13 horas do sábado, a cargo de Juanjo Figueroa, presidente da Asociación Galega de Catadoras -AGASU- e imaxe da campaña promocional da D.Ou. Monterrei “Non lle deas máis voltas”); e ‘Come, bebe e aprende do mellor xeito’ (coa participación de Begoña Vázquez – premio mellor cociñeiro galego 2024-, Miguel López -director técnico do C.R.D.O. Monterrei- e José Manuel Salgado -profesor do CMUS Verín-).

Será tamén o sábado, pero xa ás 20 horas. E a última delas, a cata maridada con produtos de “Experiencias de Calidade de Galicia” presentada como ‘Monterrei: Frescura Atlántica, Carácter Continental’, terá lugar o domingo ás 13 horas (e estará realizada realizada por Martín Touceda -responsable da empresa familiar Cen por Cel- e Juliana Picarelli -catador do Restaurante Maruja Limón 1 estrela Michelin e 2 soles Repsol). Doutra banda, e xa para o público infantil, durante a fin de semana, de 20 a 22 horas, realizaranse xogos populares no interior da Alameda.

A música será outro ingrediente importante da feira do viño. O venres 8, a partir das 24:00 horas, actuaba Guadi Galego, unha das voces máis recoñecidas da música galega contemporánea. Presentará o seu novo espectáculo, Síntese Horizonte, unha proposta coidada e íntima coa que reivindica o poder transformador da música ao vivo.

O sábado 9, ás 24:00 horas, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre tomarán a Praza Maior. O artista coruñés, unha referencia da música de raíz galega, ofrecerá un repertorio baseado no seu último traballo discográfico Axúdame a sentir (2024). Díaz, recoñecido internacionalmente, leva preto de 400 concertos por todo o mundo. O seu estilo, baseado na percusión tradicional de man e na pandeireta, transformou a escena da música tradicional galega, manténdose fiel ás orixes e, ao mesmo tempo, innovando na súa sonoridade.
O domingo 10, será Mondra, ás 23:00 horas, quen peche a programación musical da feira. Cantareiro, bailador e un dos nomes máis aclamados da nova escena musical galega, chega a Verín co seu novo espectáculo De Ronda, un disco irreverente e sedutor que afonda nas raíces e mestura sonoridades frescas e orgánicas. Tras recibir o Premio Martín Códax ao Mellor Álbum de Electrónica (2024) e o Mestre Mateo ao Mellor Videoclip (2025) por MARIMONDRA, Mondra acumula máis de 80 concertos e un público entregado coa súa proposta escénica FOLĪA das ARDENTES.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: O SIL.
