OurenseÚltima hora

Verín celebra a “Semana das Letras Galegas” cunha ampla programación cultural arredor de Begoña Caamaño

 

Concello de Verín vén de presentar a programación da Semana das Letras Galegas 2026, unha proposta cultural e educativa que se desenvolverá do 8 ao 28, arredor da figura Begoña Caamaño, á escritora e xornalista galega á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.

Así o confirmou hoxe a concelleira de Turismo, Cultura e Festexos, Samanta Barreira, quen destacou que «esta programación busca achegar a lingua e a cultura galega á cidadanía desde diferentes ámbitos, combinando actividades artísticas, educativas e participativas nas que a mocidade e o tecido asociativo teñen un papel protagonista».

Barreira salientou ademais «a implicación dos centros educativos, colectivos culturais e asociacións locais, que converten a Semana das Letras Galegas nunha celebración colectiva arredor da nosa identidade e do valor da lingua galega».

A programación arrinca hoxe venres 8 de maio coa inauguración da exposición “Ver, sentir e pintar”, do verinés Emilio González Afonso, ás 19:30 horas na Sala de Exposicións de Verín. A mostra, que permanecerá aberta ata o 29 de maio, reúne unha selección de obras realizadas ao longo de máis de vinte anos de dedicación á pintura. Médico de profesión, exalcalde de Verín e exsubdelegado do Goberno en Ourense, González Afonso comparte por primeira vez co público verinés unha parte moi persoal da súa traxectoria artística, marcada pola experimentación con diferentes técnicas e estilos pictóricos.

Entre os días 11 e 13 de maio está prevista a creación dun mural do recoñecido artista galego Leandro Lamas na Avenida Luis Espada con Rúa do Castro. A iniciativa contará coa participación dos sete centros de ensino de Verín: IES Castro de Baronceli, IES Xesús Taboada Chivite, IES García Barbón, CEIP Plurilingüe Princesa de España, CEIP Plurilingüe Amaro Refojo, CPR Plurilingüe María Inmaculada e CPR Apostólico Mercedario. O mural converterase nun espazo de creación colectiva arredor das Letras Galegas e da figura de Begoña Caamaño.

O xoves 14 de maio, ás 12:30 horas, o Auditorio Municipal acollerá “As mil e unha”, un espectáculo de narración oral e música da man de Vero Rilo e Luis Iglesias, destinado ao alumnado de primaria dos centros educativos de Verín. A actividade, organizada coa colaboración da Rede de Dinamización Lingüística, propón unha viaxe ao universo literario de Begoña Caamaño a través da radio, das historias e da música.

Xa o venres 15 de maio celebrarase na Praza García Barbón, entre as 10:00 e as 13:30 horas, a II Xuntanza Intercentros “Os coles cantan”, unha actividade na que participarán arredor de 600 alumnos e alumnas dos CEIPs Amaro Refojo e Princesa de España. O encontro contará tamén coa colaboración da Asociación de Mulleres Rurais San Pedro de Queizás e Ramón López da Asociación Candaira.

Ese mesmo día, de 18:00 a 20:00 horas, a Asociación de Empresarios de Verín (AEVER) organizará o pasarrúas “As Kuartetas polas librerías”, unha iniciativa que une comercio local, música e fomento da lectura cun percorrido musical polas librerías da vila. Ademais, entre o 4 e o 15 de maio, as compras realizadas nas librerías participantes —AZ, A Librería, Carlín, O Rincón do Libro e Papiro— entrarán no sorteo dun lote de libros de Begoña Caamaño.

O sábado 16 de maio, ás 20:00 horas, o Salón de Actos da Casa da Cultura acollerá a proxección audiovisual “El sueño de Antonin Marek Machourek. O mosteiro de Poio”, de Pedro de Lorenzo y Macías. A actividade incluirá un coloquio co autor e abordará a relevancia histórica e artística do Mosteiro de Poio, así como a figura do artista checoslovaco Antonin Marek Machourek e o proceso de creación do emblemático mosaico do Camiño de Santiago.

Coincidindo co Día das Letras Galegas, o domingo 17 de maio celebrarase ás 11:30 horas no Auditorio Municipal a Gala Músico-Literaria das Letras Galegas, acto no que se fará entrega dos Certames de Poesía Xosé Carlos Caneiro Pérez e de Relato Curto Antonio Fernández, convocados polo Concello de Verín coa colaboración de Gadis para fomentar a creatividade literaria entre o alumnado da comarca.

Do luns 18 ao venres 22 de maio, o Conservatorio Profesional de Música de Verín sairá ás rúas da vila cun ciclo de actuacións musicais baixo o título “O Conservatorio sae á rúa!”. A iniciativa pretende visibilizar a importancia da formación musical e achegar a música á cidadanía a través de diferentes concertos e actuacións en espazos públicos de Verín:

A programación arrancará o luns 18 ás 20:30 horas na Praza García Barbón cun concerto de vento-metal. O martes 19 será a quenda das especialidades de saxofón, frauta e violín na Praza da Mercé ás 20:00 horas, mentres que o mércores 20 a percusión protagonizará unha actuación na Praza da Alameda á mesma hora. O xoves 21, a guitarra será a protagonista dun novo concerto na Praza da Mercé ás 20:00 horas.

As actividades rematarán o venres 22 cun pasarrúas da Banda do Conservatorio, que partirá ás 19:30 horas da Praza García Barbón ata o Parque do Pavillón Municipal, onde ás 20:00 horas terá lugar a última actuación, protagonizada polas especialidades de piano e clarinete.

Como peche da programación, o xoves 28 de maio, ás 20:30 horas, a Casa da Cultura acollerá o concerto “INDÓMITAS: Cancións Begoñísimas”, no que Uxía Senlle renderá homenaxe a Begoña Caamaño a través dun formato íntimo de voz e arpa xunto a Bleuenn Le Friec. O espectáculo, que contará tamén cunha sesión matinal para alumnado de secundaria, constitúe unha homenaxe ás mulleres que loitan, crean e resisten, así como unha carta musical de amizade e memoria arredor da figura da autora homenaxeada nas Letras Galegas 2026.

Desde á área de Cultura, Samanta Barreira animou á veciñanza a participar nunha programación «diversa, aberta e interxeracional que reivindica o valor da lingua galega e da creación cultural como elementos fundamentais da nosa identidade colectiva».

 

Back to top button