Ourense

Verín manifesta a súa repulsa contra “intento de feminicidio na vila”

 

Esta mañá, a Praza do Concello de Verín acolleu unha concentración cidadá de repulsa fronte ao intento de feminicidio acontecido recentemente no municipio. A convocatoria, promovida baixo o lema “Se tocan a unha, tócannos a todas”, reuniu a representantes institucionais, asociacións, entidades sociais e numerosos veciños e veciñas que quixeron amosar de forma unánime o seu rexeitamento ante este acto de violencia brutal contra as mulleres.

Durante o acto, foi a concelleira de Servizos Sociais, Rosario Rodríguez, a encargada de dar lectura ao manifesto institucional no que o Concello de Verín expresa a súa máis rotunda condena ante este crime machista, así como o seu apoio incondicional á vítima e á súa contorna:

“O Concello de Verín manifesta a súa máis rotunda condena ante o intento de feminicidio ocorrido esta semana na nosa vila, un acto brutal de violencia machista que rexeitamos de maneira contundente. Queremos trasladar todo o noso apoio, solidariedade e afecto á vítima e á súa familia. Este feito non só nos conmociona como institución, senón que afecta á sociedade verinesa en todo o substancial, que non pode nin debe permanecer en silencio. A violencia contra as mulleres é unha violación dos dereitos humanos. Non é un problema individual, senón estrutural. Necesitamos respostas firmes e conxuntas desde todos os ámbitos: institucional, social e cidadán”.

 

 

 

A corporación municipal animou á cidadanía a sumarse activamente na loita contra a violencia de xénero, visibilizando que Verín está coas vítimas e contra os agresores. A concentración foi organizada polo CIM da  Mancomunidade de Municipios de Verín, FEMURO, CDR Portas Abertas e Cruz Vermella, entre outras entidades implicadas no compromiso pola igualdade e a protección das mulleres.

Desde o Concello insístese na necesidade de “continuar traballando de forma decidida na prevención, educación e atención ás vítimas. facendo fronte común contra todas as formas de violencia machista”.

Back to top button