SanidadeÚltima hora

VI Concurso de Decoración de Nadal nos hospitais públicos de Ourense, O Barco e Verín

 

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras pon en marcha unha nova edición do VI Concurso de Decoración de Nadal, unha iniciativa dirixida a todo o persoal sanitario e non sanitario co obxectivo de achegar o espírito do Nadal aos espazos asistenciais e contribuír á humanización da atención.

O certame desenvolverase no Hospital Universitario de Ourense, no Hospital Público de Valdeorras, no Hospital Público de Verín, así como en todos os centros de saúde da área sanitaria que desexen anotarse, e está aberto á participación de todas as unidades de hospitalización, servizos e unidades, que poderán decorar os seus espazos cunha ambientación vencellada á temática do Nadal.

A iniciativa busca crear contornas máis acolledoras para pacientes, familiares e profesionais, promovendo valores como a ilusión, a solidariedade e a creatividade tamén no ámbito sanitario.

 

 

As propostas deberán presentarse en formato vídeo ou “book” de fotografías, cunha duración máxima de dous minutos no caso dos vídeos e un máximo de dez imaxes para as reportaxes fotográficas. O material deberá enviarse por WhatsApp ao número 626 382 433, indicando o nome e apelidos dunha persoa representante, o centro sanitario e a localización exacta do espazo decorado.

O prazo de presentación remata o mércores 17 de decembro, polo que se anima a todas as unidades, servizos e centros interesados a enviar as súas propostas antes desa data.

Un xurado, composto por representantes de profesionais xubilados e asociacións de pacientes da área, será o encargado de avaliar os traballos presentados segundo criterios de temática, orixinalidade e creatividade, autenticidade do decorado e reutilización de materiais (reciclaxe).

As propostas gañadoras recibirán unha cesta de produtos de Nadal e un diploma acreditativo, e o fallo do xurado farase público a través das redes sociais de Sergas Ourense, ademais de comunicarse directamente cos equipos premiados. A entrega de premios anunciarase con suficiente antelación.

Back to top button