CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Viana do Bolo estrea mural, elaborado polo alumnado do instituto e con mensaxe: “Abrir as barreiras e liberar os medos”

 

Un novo mural xa loce na entrada do Campo de Fútbol das Carrelas de Viana do Bolo. Esta intervención forma parte do Programa de Prevención da Violencia na Mocidade, realizado durante os meses de maio e xuño co alumnado do IES Carlos Casares desta localidade.

“O mural recolle o traballo realizado nas aulas, convertendo as reflexións e conclusións do alumnado nunha imaxe chea de cor e significado, que nos convida a expresar as emocións, escoitar, compartir e derrubar as barreiras que, tantas veces, nos impiden pedir axuda”, indican dende o Concello, que matiza que a idea que latexa nel é a de “Abrir as barreiras e liberar os medos ”

A creación do mural correu a cargo da ilustradora valdeorresa Eva Piay, “con quen foi un auténtico pracer traballar”, comentan dende o Concello, que tamén menciona o labor de Tania, de Outonía, encargada da primeira parte do programa a través dos obradoiros impartidos no IES Carlos Casares.

“Este proxecto, financiado con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, reafirma o compromiso do CIM e do Concello de Viana do Bolo coa educación en igualdade e coa prevención de todas as formas de violencia”, asegura esta entidade.

Así mesmo o Concello de Viana agradece “a todas as persoas que fixeron posible esta iniciativa. Xuntas e xuntos seguimos construíndo espazos máis seguros, igualitarios e libres de violencia”.

Back to top button