Aínda que levan con actividades dende o luns (teatro, maxia, música,…) é hoxe cando Viana do Bolo vive un dos días grandes das súas festas patronais.

Ás 12:30 horas deste sábado 15 de agosto, festividade da Asunción, a imaxe da Virxe e tamén a de San Roque (xunto a varios estandartes) saían en procesión polas rúas da zona vella de Viana, acompañada por numerosas persoas e ao son da Banda de Música Candea. Ao remate oficiábase a misa solemne na igrexa, cantada polo coro de Candea e presidida polo párroco Antonio Ferrer.
De seguido tiña lugar a sesión vermú a cargo da Banda de Música Candea, con moita animación tanto na praza coma nos locais de hostalaría vianeses e pola tarde a festa correrá a cargo da orquestra Cinema, en dobre sesión, de 22 a 23 horas e de 1 a 3 xa na verbena.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.