ConcellosLaroucoSan Xoán de RíoÚltima hora

Viaxe conxunta da veciñanza de Río e Larouco a Portugal, dentro do programa EnRede

 

Os concellos de San Xoán de Río (pertencente á Ribeira Sacra) e Larouco (Valdeorras) veñen de compartir unha viaxe conxunta a Portugal, , dentro do programa EnRede, cofinanciado pola Xunta de Galicia e a Unión Europea. O seu destino eran as localidades de Aveiro, Ovar e Amarante.

A excursión reunía a veciños e veciñas de ambos municipios nunha experiencia de convivencia, intercambio e descubrimento cultural que serviu para reforzar os lazos de cooperación entre dous concellos rurais que comparten valores, retos e ilusións de futuro. Durante unha fin de semana completa, puideron coñecer o encanto das rúas e canles de Aveiro, os azulexos coloridos de Ovar e a beleza monumental de Amarante, gozando tamén de momentos de convivencia e amizade.

Segundo destacou o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua, “estas viaxes son moito máis ca unha actividade lúdica: son un espazo para crear comunidade, fomentar o liderado feminino e fortalecer redes supramunicipais que dan forza ao noso rural”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, sinalou que “cando dous concellos pequenos se unen, demóstrase que a cooperación é o camiño para seguir facendo territorio e fixar poboación”.

O programa EnRede continúa así o seu labor de promover a participación activa das mulleres no rural, o intercambio interxeracional e a creación de alianzas entre concellos, consolidando unha rede de colaboración que pon en valor o potencial humano e social do territorio.

Back to top button