OurenseÚltima hora

Vilar de Barrio capta 30.000€ de financiamento público para consolidar a posta en valor do Castelo de San Xoán de Bara

A aplicación de xeorradar de última xeración confirma que as 16 hectáreas do xacemento agochan unha auténtica cidade soterrada de alto valor científico

 

O Concello de Vilar de Barrio vén de acadar unha nova achega económica de 30.000 euros destinada a continuar coa posta en valor do conxunto arqueolóxico de O Castelo de San Xoán de Bara, considerado un dos enclaves patrimoniais máis singulares do noroeste peninsular. Neste sentido, a recente aplicación de técnicas de prospección xeofísica mediante xeorradar (Ground Penetrating Radar, GPR) permitiu “radiografar” o subsolo do xacemento, revelando a existencia dunha complexa trama urbana soterrada que se estende ao longo das aproximadamente 16 hectáreas do enclave.

“O conxunto arqueolóxico de San Xoán de Bara leva sendo obxecto dunha estratexia continuada de investigación, recuperación e musealización desde o ano 2021. Neste período escaváronse e puxéronse en valor máis de 300 metros cadrados, incluíndo unha rúa e unha muralla de carácter monumental. Así mesmo, recuperáronse antigos camiños cegados por décadas de abandono, creouse unha ruta de sendeirismo interpretativa e sinalizáronse os accesos desde os principais viarios, mellorando significativamente a accesibilidade ao enclave. Paralelamente, iniciáronse actuacións de limpeza e rexeneración ambiental co obxectivo de avanzar cara a un modelo de aproveitamento multifuncional que combine de forma harmónica a gandaría en extensivo co uso cultural e turístico do espazo”, tal e como se informa dende o Concello.

 

 

O Concello de Vilar de Barrio conseguiu desenvolver todo este proceso sen recorrer a fondos propios, articulando unha estratexia eficaz de captación de financiamento público procedente de distintas administracións, que permitiu cubrir o 100% dos investimentos realizados ata o momento. “Temos a sorte de contar no noso territorio cun monumento excepcional, pero como administración local nós non temos recursos para poñelo en valor. Os poucos que temos teñen que garantir os servizos básicos que presta un concello como o noso. Por iso temos que suplir esta carencia co esforzo de conseguir financiación doutras administracións”, di o seu alcalde, Manuel Conde.

Unha vez concedida esta nova axuda, o Concello baralla como prazo previsible de execución o período estival, co obxectivo de ter as actuacións rematadas no mes de outubro. Esta nova intervención permitirá avanzar na investigación e musealización do sector coñecido como Burato dos Mouros, un espazo de grande carga simbólica e presenza no imaxinario colectivo local, asociado a lendas e tradicións populares. Deste xeito, continúase consolidando San Xoán de Bara como un recurso estratéxico e motor de dinamización socioeconómica para Vilar de Barrio.

Imaxes: Solventa.

 

Back to top button