En portadaÚltima hora

Vilariño de Conso, escenario da clausura do primeiro curso da Escola de Pastores de Galicia

As persoas interesadas en formarse no vindeiro curso xa poden realizar as súas inscricións de forma online

 

Sae a primeira promoción da Escola de pastores de Galicia. Nese sábado pechábase nun acto celebrado no Concello de Vilariño de Conso o primeiro dos cursos impartidos por esta formación, promovida e coordinada pola Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica), co financiamento de Fundación La Caixa e Agacal e coa colaboración do Inorde e a participación de 19 concellos do sur ourensán.

Ao longo do acto interviñan Jesús Crespo Bouzón (presidenta de Ovica), Melisa Macía Domínguez (alcaldesa de Vilariño de Conso), Rosendo Fernández (presidente do Inorde) e Martín Alemparte (director do Agacal) e tralas súas intervencións, fixéronse varias presentacións dos proxectos elaborados polas persoas participantes na formación, proxectos de posta en marcha das súas granxas de futuro, así como a entrega dos diplomas da formación.

Neste contexto, Alemparte salientou que este proxecto representa un “exemplo de colaboración entre a Administración, o sector e outras entidades para dar resposta ás necesidades reais do campo galego”, cun modelo formativo que combina coñecemento, experiencia práctica e contacto directo coa realidade das explotacións.

O programa completábase co labor de avaliación desta primeira edición, que se desenvolvía de marzo a setembro de 2026 en Xinzo de Limia, coa idea de mellorar a segunda edición que dará comezo en xaneiro de 2027. Así, foi unha xornada de balance e intercambio arredor da experiencia desta primeira edición e dos retos de futuro do sector.

No proceso de preinscrición recibíronse 44 solicitudes das cales resultaron 20 persoas seleccionadas das cales remataron a formación completa 18 (8 delas mulleres). Trátase dunha formación de 330 horas teóricas e 200h prácticas.

As persoas interesadas na II edición poden facer a súa preinscrición no seguinte enlace:
https://forms.gle/72UbPhW1nRELm8Bw9

Formación para traballar ou emprender

A iniciativa desenvolveuse entre os meses de marzo e xullo e o programa formativo incluíu, en primeiro lugar, un Curso de Aptitude Empresarial Agraria en gandaría extensiva de ovino e caprino de 250 horas ofrecido pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria para obter unha titulación oficial habilitante. Por outro lado, incorporou formación específica en ámbitos directamente ligados á actividade gandeira, como a agrotecnoloxía, a produción de forraxes e a alimentación do gando, ademais do manexo e a produción de gando extensivo. Todo isto, cun equipo docente “integrado por profesionais e especialistas nos diferentes ámbitos, que impartiron formación nas materias relacionadas coa súa propia actividade profesional”, destacou o director.

Ademais, o programa conta con 320 horas de formación práctica, coordinadas por OVICA, que incluíron visitas técnicas, sesións prácticas e estancias en explotacións gandeiras, ademais do deseño dun proxecto propio de empresa agraria.

Back to top button