Chandrexa de QueixaConcellosEconomíaEconomíaEn portadaParada de SilÚltima horaVídeosVilariño de Conso

Vilariño de Conso, Parada de Sil, Chandrexa, Nogueira de Ramuín, Xunqueira de Espadanedo e Cualedro, premiados por loitar contra o despoboamento

Teñen sido distinguidos por Iberdrola, en colaboración coa plataforma "Vente a Vivir a un Pueblo", nun acto ao que asistiron os alcaldes destas localidades e representantes da compañía eléctrica en Galicia

 

Os concellos ourensáns de Vilariño de Conso, Parada de Sil, Chandrexa de Queixa, Cualedro, Nogueira de Ramuín e Xunqueira de Espadanedo veñen de ser recoñecidos cos galardóns “Pobos con Futuro”, que outorga Iberdrola en colaboración coa plataforma para loitar contra o despoboamento “Vente a Vivir a un Pueblo”. Con eles recoñécese o seu esforzo para revitalizar as contornas rurais e o uso das enerxías renovables como elemento dinamizador das economías locais e ferramenta para xerar emprego. O acto tiña lugar na praza do Concello de Vilariño de Conso esta mañá, coa presenza dos alcaldes dos municipios premiados, así como do director da conca Sil-Támega de Iberdrola, Miguel Ángel López, e o delegado institucional da empresa en Galicia, Francisco Silva.

 

 

Os premios eran recollidos polos rexedores de Vilariño de Conso, Melisa Macía; Chandrexa de Queixa, Francisco Rodríguez; Xunqueira de Espadeno, Carlos Gómez; Cualedro, Luciano Rivero; Parada de Sil, Aquilino Domínguez; e Nogueira de Ramuín, Julio Temes. A continuación ddábase paso a un coloquio no que participaban o director da conca Sil-Támega de Iberdrola, os sete rexedores e o director do IES Xermán Ancochea de Trives, Francisco García, tendo en conta que este centro imparte tres ciclos formativos en electricidade.

 

 

Os rexedores agradeceron os recoñecemento e explicaron os esforzos que están a realizar para atraer nova poboación ao rural, poñendo en valor a importancia dos recursos naturais que teñen estas zonas rurais para o desenvolvemento económico e a xeración de emprego. Tamén expoñían a necesidade de xerar máis vivenda para acoller a novos veciños e de conseguir máis financiamento para desenvolver novos proxectos. A alcadesa de Vilariño, Melisa Macía, incidía na relevancia do papel da muller no rural e na súa capacidade emprendedora”. Comentaba a aposta do seu Concello por xerar vivenda nova, “nós arranxamos vivenda, pero non é suficiente o que temos para acoller a novas familias”. E aseguraba que “vir a vivir ao rural non é unha utopía, nós aquí temos varios exemplos”, dos que citaba nomes e proxectos, dirixíndose ademais a esas persoas que estaban entre o público.

 

 

O alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, aludía ao importante papel das renovables no rural e tamén á súa compatibilidade co turismo, e coincidía cos outros rexedores en que é crucial o capital humano no rural e na falta de vivenda, comentando tamén unha iniciativa para poder rehabilitar aldeas, pero “que precisa de financiamento. Ideas temos moitas e moi boas, pero fainos falta diñeiro para que iso non se quede só en ideas, se ben os proxectos e as obras hai que facelas con sentidiño”.

Na mesma liña pronunciábase Francisco Rodríguez, alcalde de Chandrexa de Queixa, mencionando o papel dinamizador das renovables no rural, “son unha vía de progreso e de emprego”.

 

 

Pola súa banda, Miguel Ángel López, director da conca Sil-Támega de Iberdrola, subliñaba que “Iberdrola promove as enerxías renovables como motor de desenvolvemento rural e garantía de futuro para moitas localidades, grazas a numerosas iniciativas ‘verdes’ que impulsan a súa actividade e á súa poboación. Todos os proxectos conviven coa agricultura e a gandería, respectan a contorna e o medio ambiente e axudan a crear emprego local”.

 

 

En concreto, destacou a importancia do proxecto de acumulación por bombeo (Gigabatería) de Conso II, que Iberdrola promove no Concello de Vilariño de Conso. Con 1.800 MW de potencia será a maior instalación destas características en España e Portugal, permitirá a integración e o desenvolvemento do resto de renovables a nivel nacional, e creará miles de postos de traballo na contorna durante os máis de 6 anos de construción”. Concretou así mesmo “se tratará dunha infraestrutura que non necesitará de novos encoros nin depósitos, xa que utilizará os existentes, sendo ademais unha instalación totalmente subterránea”.

 

 

No debate-coloquio, moderado por Ramón Pradera, interviña ademais o director do Instituto Xermán Ancochea Quevedo de Trives, Francisco García, quen contou as oportunidades que se abren para os mozos da zona que estudan Formación Profesional e atoparon vías de emprego nos novos proxectos sostibles. “Supón unha oportunidade traballar na familia profesional da electricidade, na que apenas hai paro, de feito o alumnado atopa emprego antes de seis meses tras rematar a súa formación, e cunha gran mobilidade profesional. E vemos que veñen aínda anos máis doces, por iso quero facer unha chamada aos mozos interesados na formación profesional para que teñan en conta a oferta do noso instituto con tres ciclos de electricidade”.

 

 

A aposta de Iberdrola polas enerxías limpas “comezou hai décadas, e ese compromiso fíxose aínda maior nos últimos anos, como o demostra o feito de que a empresa sexa na actualidade un líder mundial en enerxía renovable”, explican dende esta compañía, e “o compromiso con Galicia debe enmarcarse na profunda vinculación da compañía con esta terra na que aterrou hai 80 anos e onde leva camiñando desde entón pola senda das enerxías sostibles desde un punto de vista ambiental e económico”.

Hai que destacar a importancia das renovables de Iberdrola en Ourense, provincia galega onde conta co maior número de eólicos dentro da comunidade. Aos parques de Nogueira, Vieiro, Pena da Cruz, Serra do Burgo, Sil, Ampliación Sil e Serra de Larouco, infraestruturas que suman unha potencia total de 204 MW de capacidade, únese a importancia dos complexos hidroeléctricos. A compañía conta en Galicia con 1.535 MW de potencia hidroeléctrica instalada, o 90% na provincia ourensá, sendo ou así o primeiro axente por potencia e produción hidroeléctrica da autonomía.

 

 

“As Centrais de Bombeo desempeñarán un papel fundamental na transición enerxética, e tamén estimulan a actividade industrial e axudan a promover a economía rexional. Cabe destacar o enorme esforzo que Iberdrola leva realizando desde hai anos nestes complexos dotados de alta tecnoloxía e eficiencia para almacenar enerxía a gran escala. A tecnoloxía hidroeléctrica é a máis eficiente, achega estabilidade, seguridade e sustentabilidade, xera enerxía cun tempo de resposta moi rápido e non crea ningún tipo de emisión á atmosfera”, asegura Iberdrola.

Convivencia da natureza e as enerxías renovables

O premio “Pobos con Futuro” conleva a realización dunha vídeo-ficha de cada un dos municipios galardoados para “Vente a Vivir a un Pueblo”, a plataforma “máis moderna e completa para animar aos urbanitas a instalarse en contornas rurais”, destacan dende a mesma. Xunto coa vídeo-ficha, os veciños destas localidades poderán usar outras ferramentas como as bolsas de emprego, vivenda e traspasos, formación en liña gratuíta en novas tecnoloxías e un Marketplace para dar visibilidade aos servizos e produtos locais.

“Iberdrola traballa en numerosas iniciativas que conxugan a instalación de proxectos renovables coa conservación da diversidade biolóxica dos ecosistemas coidando flora, fauna e patrimonio natural. A convivencia destas plantas de xeración renovable con actividades relacionadas coa agricultura, a gandería ou a horticultura, son unha mostra máis do compromiso da compañía con preservar a biodiversidade”, conclúe a compañía.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button