ConcellosEn portadaEntroido 2026Galerías de fotosÚltima horaVídeosVilariño de Conso

Vilariño de Conso volve darlle vida á fuliada, entre homenaxes, neste Domingo de Pascua

Recuperábase unha escrita polo señor Vicente de Castiñeira que se representaba tamén nunha data semellante en 1995

 

Coa música da Banda de gaitas Aturuxo do Cenza e cunha parella de Boteiros no escenario, arrincaba a fuliada deste Domingo de Pascua en Vilariño de Conso. Multitude de persoas, tanto deste municipio como doutros limítrofes como Manzaneda e Viana do Bolo, congregábanse no pavillón polideportivo da vila para asistir a esta representación satírica en verso propia do Entroido vilariñés, recuperada tras unha paréntese de dez anos. Así o explicaba Lorena, que introducía esta fuliada para “resumir e aclarar a idea do significado da función de hoxe. A continuación recordaremos unha fuliada presentada neste mesmo lugar hai 30 anos, o autor foi o señor Vicente. As inquietudes e as preocupacións de entón, non eras as mesmas de agora”. E incidía en que a idea desta función é lembrar e render unha homenaxe “a toda a xente que nos marcou o camiño que as fuliadas representan con cariño, falamos de pasado con emoción. Gracias a todos de corazón”.

A partir de aí, a presentadora collía o relevo e comezaba a farsa. “Saúdo a toda esta xente,/ que dá moita alegría/ moitas gracias a todos/ por facernos compañía./ A máis sinceira benvida/ a todos os compañeiros/ e a acollida máis veraz/ a veciños e forasteiros“. E matizaba, “coas fuliadas de antaño/ non nos imos comparar/ falta xente/ falta tempo/ e ata enxeño nos ha de faltar./ Somos conscientes/ que todo puidera ser mellorado/ pero aínda así/ esperamos que sexa do voso agrado“. E por suposto, non faltaba a tradicional petición de perdón por adiantado, “por se as cousas non foron/ como tiñamos pensado“.

 

 

Intercaladas coa música da banda de gaitas, ía dándose paso ás pezas, entre elas disputas de namorados e outras nas que se repasaban en clave de sátira a situación dos gandeiros, as obras de construción da presa do Cenza, o oficio do afiador e mesmo unha campaña electoral das municipais a través dunha galería de personaxes, que incluían Boteiros e Señoritas e o Paiaso.

 

 

E entre disputa e disputa, a fuliada chegaba ao seu fin, tal e como anunciaba a presentadora contra as dúas da tarde. “Para o ano que vén xa veremos/ de dedicarnos con ansia/ para sacarlle máis sustancia,/ se é que antes non morremos./ Aos actuantes despido,/ que aplaudan con moito afán,/ e sen máis con este ademán/ xa a amigos me despido“.

 

 

 

 

 

Entre aplausos e sons de esquilas concluía a representación e dábase paso ao capítulo de agradecementos e ás homenaxes, por parte de Yoli, representante da Asociación Vive Vilariño. “E primeiro lugar, a toda a xente que formou parte desta fuliada, grazas por dicir si dende o primeiro momento e grazas por estar sempre dispostos a todo o que propoñemos que non é pouco”. Tamén se agradecía a colaboración da banda de gaitas, á Asociación Xuntos polo Fulión “e a toda a xente que nos acompañou hoxe na ronda do fulión. A colaboración entre asociacións é moi importante, oxalá sigamos colaborando xuntos e remando todos na mesma dirección”.

 

 

 

 

 

Así mesmo, dábanse as grazas “a todo o grupo de voluntariado xuvenil, por ser os encargados de recoller e recompilar fuliadas, versos, cantigas e sons de Entroido, e aos de Talento Interxeracional”; á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, ao Concello de Vilariño de Conso “por apostar polas asociacións e darlle o valor e recoñecemento que se merecen e por cedernos sempre os espazos que necesitamos”, e a Pepe de Sabuguido. “Nós tiñamos ganas ilusión e compromiso, pero faltábanos o motor que nos guiase”, dicía en referencia a el, “grazas pola túa paciencia, sabedoría e inventiva, coa que nos acompañaches en cada ensaio, sen a túa axuda, nada sería igual”. Finalmente, e visiblemente emocionada, Yoli manifestaba o agradecemento da familia do señor Vicente por “esta pequena pero emotiva homenaxe”.

Ademais facíase entrega dun agasallo, unha placa por parte de Vive Vilariño como da Asociación Xuntos polo Fulión: a Pepe de Sabuguido e outro á familia do señor Vicente.

A celebración desta fuliada, cuxo programa se encetaba ás 11h. cunha ronda de fulión por Vilariño ata o pavillón, tamén incluía un xantar popular ás 14:30h. no pavillón. Pola tarde, había música da man da charanga El Brexit.

Fotos: A.R./ Carlos G. Hervella

Vídeos: O SIL.

 

Back to top button