
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe o esforzo innovador da cooperativa Viña Costeira para crear, desde Ribadavia, un modelo pioneiro de viticultura rexenerativa e dixital. Esta firma galega lidera o proxecto Civitas (Circularidade integral en viñedo: natureza, tecnoloxía e sostibilidade), unha iniciativa beneficiaria do programa Nexos da Xunta de Galicia, na que participan tamén as empresas Ecocelta Galicia S.L., Fauna Útil e Soltec, ademais das tres universidades galegas e a spin-off Glecex, tal e como se destaca dende a Xunta.
Nunha visita ás instalacións de Viña Costeira, Román Rodríguez puxo este proxecto de exemplo “pola colaboración entre a experiencia de varias empresas, universidades, centros tecnolóxicos e o apoio do Goberno galego para avanzar cara unha I+G+i de calidade e á vangarda”.
O proxecto Civitas está enfocado aos viñedos galegos das denominacións de orixe Ribeiro e Valdeorras e preséntase como unha iniciativa pioneira e de alto impacto estratéxico, que ten como fin camiñar cara un modelo máis sostible e competitivo. O obxectivo é transformar o modelo produtivo do sector vitivinícola, integrando tecnoloxías avanzadas e solucións baseadas na natureza. A Xunta financia con 760.000€ esta iniciativa, o que supón o 60% do investimento total.

O titular de Ciencia estivo acompañado polo alcalde de Ribadavia, César Manuel Fernández Gil, e polos responsables das empresas participantes neste proxecto. Durante a visita resaltou o potencial innovador do tecido empresarial galego e destacou que programas como Nexos “permiten establecer sinerxías e colaboracións entre empresas e contar co apoio de centros de coñecemento, facilitando que a investigación se traduza en solucións aplicables e con impacto directo na sociedade”.
Neste sentido, engadiu que a cooperación público-privada “é clave para avanzar cara un modelo máis competitivo e baseado no coñecemento”. Ademais, este proxecto é unha mostra da extensión da innovación por todo o territorio galego, “é un exemplo de que se pode facer I+D+i de calidade desde moitos lugares da nosa xeografía”, engadiu o conselleiro.

Participan as tres universidades e unha spin-off do Campus de Ourense
Mediante o proxecto Civitas, as empresas implicadas pretenden reducir significativamente a pegada de carbono, a implantación e xestión de coberturas vexetais funcionais, acadar a autonomía enerxética do viñedo, optimizar o uso da agua e dos fertilizantes e revitalizar a biodiversidade e a saúde do solo. Tamén buscan mellorar a actividade biolóxica co uso de abonos orgánicos avanzados e a economía circular, ademais da integración de ferramentas de dixitalización avanzada, enerxías renovables e sistemas de enerxía agrivoltaica no viñedo.
Este proxecto conta coa colaboración estratéxica das tres universidades galegas. Prevese que os resultados obtidos na contorna experimental de Viña Costeira sirvan como modelo de negocio replicable e escalable a nivel nacional e internacional, xa que os modelos dixitais validarán de forma simulada a viabilidade económica, ambiental e social dunha transición cara unha agricultura de cero emisións. Por parte da Universidade de Santiago (USC) participa o Grupo PROePLA, do Campus de Lugo; da Universidade de Vigo (UVigo) o Grupo GTE e da Universidade da Coruña (UDC) o Grupo Aquaterra. Tamén achega a súa experiencia Glecex, centro tecnolóxico e spin-off da UVigo con sede no Campus de Ourense.

37 proxectos do programa Nexos
O programa Nexos da Xunta de Galicia está dotado con 22,6 M€ para o período 2026-2028 e apoia o desenvolvemento de 37 proxectos nos que participan 138 empresas en ámbitos estratéxicos para Galicia.