Os profesionais do viño e dos licores teñen unha cita con “Vinis Terrae”, o salón “profesional 100% galego e de calidade” de licores e viños. Así o definiu a directora adxunta de Expourense, Emma González, na presentación de hoxe, 30 de marzo. O salón levarase a cabo no recinto feiral da cidade das Burgas os vindeiros días luns 3 e martes 4 de abril de 10:00 a 18:00 horas.
Esas dúas características, a de profesionalización e a especialización en viño galego, foi o que levou a Expourense a converter esta cita na “feira do viño de Galicia”, dixo González. En canto as adegas presentes, o recinto de exposicións de Ourense acollerá a un total de 60 “de todas as denominacións de orixe de Galicia”, asegurou a directora adxunta. Estas 60 adegas estarán en contacto con potenciais compradores e importadores procedentes de 18 países. Emma García destacou que eses importadores veñen “da zona Centro de Europa, América do Norte e Centro América, xa que en América do Sur son, máis ben, produtores”. En total, cada adega ten un mínimo de 16 citas concertadas con compradores.
Asemade, ademais das citas de negocios, Expourense prepara unha serie de actividades como o Túnel do Viño, no que haberá referencias de todas as adegas expositoras: “este túnel do viño ofrecerá ao visitante profesional coñecer os novos produtos que se están a facer no mercado e estará asesorado por profesionais da Asociación de Enólogos de Galicia”, dixo Emma García. Tamén haberá actividades relacionadas cos oruxos, coctelería, maridaxes etc. Todo isto complementarase con visitas ás propias Denominacións de Orixe.
Erica Laíño, representante do Consello Regulador do Ribeiro, que non faltará a esta cita, animou a todas as adegas das D.O de Ourense a que aproveiten esta cita e “facer o máximo negocio posible”. Tamén dixo que esta é a oportunidade ideal para dar a coñecer os viños ourensáns e a súa calidade. Canda a ela estivo na presentación, tamén, a representante da D.O. Monterrei, Natalia González.
O presidente do INORDE, José Manuel Rodríguez, falou da “clara aposta da Deputación polo viño”. O presidente resaltou que “o sector do viño foi o de maior conversión a nivel provincial e galego, xa que pasou de ser agricultura a industria” e neste senso asegurou que “xera moita economía iducida ás fábricas de corcho, botellas etc”. Finalmente, sinalou que eventos coma este son un “escaparate ou altofalante” para o viño galego.
Para rematar, a secretaria territorial da Xunta en Ourense, Silvia Dorado, remarcou que a calidade e a internacionalización son “os dous piares sobre os que se asenta este salón”. Reiterou que este é un proxecto que vai potenciar “un coñecemento moi importante a nivel exterior da terra onde sae o viño”.
Texto: Carlos Asensio.