
Nun momento no que o enoturismo busca cada vez máis autenticidade e experiencias reais, a Cooperativa Jesús Nazareno-Vinos Barco presenta unha nova proposta enoturística que pon o foco no corazón do viño: o viñedo, desde a visión do viticultor de Valdeorras.
“A iniciativa nace co obxectivo de ofrecer unha experiencia diferente, afastada dos percorridos convencionais e construída desde a visión de quen traballa a viña diariamente. A visita fundaméntase na viticultura e entender o territorio da man das persoas que o fan posible”, explican dende esta cooperativa barquense.
A experiencia estará guiada polos propios viticultores de Vinos Barco, que acompañarán aos visitantes nun percorrido por viñedos situados nalgunhas das zonas máis representativas de Valdeorras. Durante a visita, os asistentes poderán coñecer de cercado a singularidade da viticultura en ladeiras, o traballo manual en parcelas pequenas e o vínculo histórico entre paisaxe e viño na comarca.
Como parte da proposta, Vinos Barco desenvolverá ademais unha liña de contidos audiovisuais e materiais de apoio para complementar a experiencia. Entre eles, incluiranse videocatas explicadas desde unha mirada máis técnica e documentos deseñados especificamente para garantir unha experiencia coherente, coidada e fiel á identidade da adega.
Un dos elementos diferenciais será o picnic preparado para as visitas: unha proposta pensada para desfrutar da contorna de xeito relaxado e próximo, cunha selección gastronómica con produtos da zona. Todo iso integrado na propia paisaxe do viñedo e concibido para converter a visita nun momento de desfrute
pausado e conectado co territorio.

Ademais, a adega habilitará un novo sistema de reservas a través da súa páxina web (https://www.vinosbarco.com/enoturismo-con-viticultores/), que permitirá xestionar as visitas con antelación e garantir unha atención personalizada.
Con esta nova aposta, Vinos Barco reforza o seu compromiso cun “modelo de enoturismo máis humano, sostible e ligado á identidade de Valdeorras, onde o viño se entende non só como produto, senón como cultura, paisaxe e forma de vida”, asegura esta adega.
Sobre Vinos Barco
Vinos Barco é unha adega de viños situada no Barco de Valdeorras. Pode presumir de que o primeiro veu Godello de España se embotellara nas súas instalacións. Nace como cooperativa en 1958 e catro anos
máis tarde arrinca coa primeira colleita. Así, conta coa primeira planta embotelladora de viño da comarca de Valdeorras e unha das primeiras de Galicia cuns 800 pequenos produtores. “Desde entón ata o de agora, Vinos Barco non deixou de traballar a terra, coidando cada cepa como o legado familiar que supón en cada as súas casas”, asegura.
Fotos cedidas.
