EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaVídeosViticultura

Vinos Barco presenta a súa campaña de verán “Sente, desfruta e compárteo”

 

Vinos Barco lanza a súa campaña de verán ‘Sente, desfruta e compárteo’ co obxectivo de promover e potenciar a comarca de Valdeorras e os viños da adega Vinos Barco (Cooperativa Xesús Nazareno). A iniciativa busca a posta en valor da vida no campo e atraer a turistas e amantes do enoturismo para descubrir as paisaxes, a cultura e os viños elaborados coas variedades autóctonas entre as que se atopan a Godello e a Mencía.

A campaña consta dun anuncio no que se destaca a cultura do esforzo da súa xente, a súa esencia, os seus recursos patrimoniais e os seus viñedos no seu máximo esplendor. “Queriamos crear algo que non só promocione os viños de Valdeorras senón que tamén mostre todo o que ten que ofrecer a nosa rexión. Esperamos que esta campaña anime ás persoas para visitarnos e comprobar de primeira man como é a nosa terra”, explica Alfredo Vázquez, director comercial da adega Vinos Barco.

Vinos Barco prosegue coa súa aposta continua pola promoción do territorio que iniciou coa creación do podcast chamado “A perla de Valdeorras”. Nel ínstase a descubrir o encanto dos viñedos da comarca durante todo o ano.

 

 

Con esta campaña, Viños Barco espera, non só chamar a atención do público xeral, senón tamén fortalecer o recoñecemento da rexión como un destino enoturístico de primeiro nivel no que todo o seu potencial aínda está por descubrir. Para a realización deste anuncio cóntase coa participación de socios da adega co obxectivo de fomentar o desenvolvemento económico local.

Vinos Barco é unha adega de viños do noroeste de España situada no Barco de Valdeorras, Ourense. “Podemos presumir de que o primeiro viño Godello de España se embotellara nas nosas instalacións. Nacemos como cooperativa en 1958 e catro anos máis tarde arrincamos coa primeira colleita. Así, contamos coa primeira planta embotelladora de viño da comarca de Valdeorras e unha das primeiras de Galicia cuns 800 pequenos produtores. Desde entón ata o de agora, non deixamos de traballar a terra, coidando cada cepa como o legado familiar que supón en cada unha das nosas casas”, destacan dende a adega.

 

Artigos relacionados

Back to top button