
Vinos Barco-Cooperativa Jesús Nazareno participa no Salón Gourmets, que se celebra en Madrid do 13 ao 16 de abril, consolidando a súa aposta por posicionar os viños de Valdeorras nos principais escaparates nacionais e internacionais.
Nesta 39ª edición, celebrada en IFEMA Madrid, amosa os seus viños, caracterizados polo seu vínculo co territorio, o traballo manual en viñedo e unha identidade que está marcada polo auténtico e o respecto pola orixe.
Como parte da súa presenza na capital, Vinos Barco organiza unha cata especial na Boxdeguita (rúa Menorca, 28 – Zona Retiro), un encontro pensado para achegar o seu proxecto de forma máis directa e experiencial con motivo da feira Salón Gourmets 2026.
“Este evento permite descubrir, nun formato próximo, algúns dos seus viños máis emblemáticos, poñendo o foco na singularidade dos seus chans, os microclimas de Valdeorras e o traballo dos máis de 300 viticultores que forman parte de Vinos Barco”, tal e como explica esta adega valdeorresa.
A presenza no Salón Gourmets e esta acción paralela en Madrid reforzan o compromiso de Vinos Barco “coa difusión da cultura do viño e coa posta en valor de territorios que, como Valdeorras, demostran o seu potencial e a forma de ver o viño”.
Viños Barco é unha adega de viños con sede no Barco de Valdeorras, Ourense. Pode presumir de que o primeiro viño Godello de España se embotellara nas súas instalacións. Nace como cooperativa en 1958 e catro anos máis tarde arrinca coa primeira colleita. Así, conta coa primeira planta embotelladora de viño da comarca de Valdeorras e unha das primeiras de Galicia cuns 800 pequenos produtores. Desde entón ata o de agora, Vinos Barco non deixou de traballar a terra, coidando cada cepa como o legado familiar que supón en cada casa.