Moito máis que un xantar oficial, a XXIII Festa do Botelo que se celebrará neste mes engloba unha serie de actividades que inclúe, teatro, homenaxe, pregón, música e gastronomía. E así o destacaba a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, na presentación do programa cultural deste evento, que tiña lugar esta mañá. O primeiro que desvelaba a edil era a imaxe anunciadora desta edición, que leva a sinatura de Luis Davila, que repite no Botelo, “tras facer anterioremente un dos carteis máis icónicos da festa”, segundo Pizcueta.

A partir de aí, Pizcueta detallaba os actos da edición “dunha das festas máis importantes do ano, xunto coas Festas do Cristo, e unha das máis importantes de Valdeorras”. E, como “prefesta” referíase a posta á venda das entradas (a un prezo de 25 euros e venderanse un máximo de 10 entradas por persoa), o 11 de xaneiro ás 9 horas no Teatro Lauro Olmo, onde ese mesmo día pola tarde (20 horas) se celebrará o Concerto do Botelo a cargo do Orfeón Valdeorrés, unha das novidades desta edición. No mesmo espazo terá lugar a seguinte cita, neste caso co cine, coa proxección o xoves 16 de xaneiro (ás 17 e ás 20 horas) do filme A Cociña.
Ao día seguinte, venres 17 de xaneiro a cita será co teatro, coa representación da obra Go Home a cargo de David Amor e Josito Porto, ás 21 horas, no mesmo escenario. David Amor será tamén o encargado de dar o pistoletazo de saída ao día central da Festa do Botelo, o sábado 18 de xaneiro, co pregón no Teatro Lauro Olmo ás 12 horas. “Sempre que David Amor vén a Valdeorras é un éxito, e este ano faino como actor con esta obra”, indicaba a concelleira de Cultura que, tras desvelar o nome do pregoeiro, daba a coñecer a quen se homenaxeará neste 2025 coa “Mención de Honra”, outro dos “segredos mellor gardados da festa”. Será Virginia Gómez Trincado do Bambú, “coñecida polas tortillas e bocadillos dos que desfrutan todos os que trasnoitan, porque o seu establecemento é dos que primeiro abren os sábados, ás 6h. xa está funcionando”.
No acto do botelo, a actuación musical correrá a cargo de Nerea Jiménez e Carlos Girona de AMAVA. Ademais o Concello homenaxeado desta volta será o lucense da Fonsagrada, que organiza tamén a “Festa do Butelo”.
O xantar popular no pavillón de Calabagueiros será coma sempre a partir das 14:30 horas para degustar botelo con chourizos, patacas e repolo. Este día a festa continuará cos xa tradicionais cantos de taberna polos bares da zona vella do Barco e do Malecón entre as 19 e as 22:30 horas.
O broche á XXIII Festa do Botelo do Barco poráo o concerto de Budiño co seu espectáculo “Branca Vela” o domingo 19 de xaneiro no Teatro Lauro Olmo ás 20 horas.
Fotos e vídeo: A.R.