“As cooperativas sempre están vinculadas aos produtos locais e desenvolven a economía local, do territorio”, destacaba o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, na visita que realizaba esta mañá a Barbudos Sociedade Cooperativa Galega, con sede en Vilamartín de Valdeorras e dedicada a elaboación de licores tradicionais. Alí era recibido por dous dos seus responsables.
Trátase “dunha empresa nova, cun modelo de negocio moi vencellado ao territorio, que emprega materias primas da comarca e aínda que venden fóra de Galicia, as súas instalacións e os seus traballadores están acá. Aspecto que é moi importante no mundo rural porque axuda a fixar poboación e ao desenvolvemento económico da zona”. Precisamente en base ao carácter social de dita cooperativa, Eladio Santos tratou cos seus responsables as condicións concretas das axudas do Goberno central que existen para o fomento da actividade económica das empresas de economía social, como é o caso de sociedades cooperativas e laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego.
Así, Santos explicaba que o Ministerio de Traballo e Economía social, a través do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), destina 2,7 millóns de euros para subvencionar ás entidades beneficiarias a adquisición de equipamento informático, mobiliario, desenvolvemento de software e páxinas web, márketing e comunicación, reforma do centro de traballo, plan de protección de datos, ciberseguridade ou accións formativas dirixidas a autónomos asociados ás mesmas, entre outros.
“Van destinadas a calquera tipo de melloras que necesiten con respecto ao seu produto e mesmo finananción iniciativas de para innovar nese produto ou para conseguir un produto novo”, sinalaba Eladio Santos.

As axudas afrontan o 80% do total do gasto e poden a ascender ata os 30.000 euros por entidade, de xeito que a contía máxima por actividades vencelladas coa comunicación, protección de datos e certificacións de calidade poden acadar os 5.000 euros e por cada acción formativa, os 600 euros.
Fotos e vídeo: O SIL.
