
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, visitou hoxe a adega Ramón do Casar, situada en Castrelo de Miño e pertecente á Denominación de Orixe Ribeiro, onde puxo en valor a fortaleza do sector galego do viño e a súa proxección internacional.
Esta visita forma parte da programación de Galician Wine Educator 2026, unha iniciativa de formación especializada que reúne a 15 profesionais internacionais para promover o coñecemento, o prestixio e a proxección internacional dos viños galegos amparados polas cinco denominacións de orixe. Deste xeito, o programa combina formación técnica, catas especializadas e visitas a viñedos e adegas destes cinco selos de calidade diferenciada: D.O. Rías Baixas, D.O. Ribeiro, D.O. Monterrei, D.O. Valdeorras e D.O. Ribeira Sacra.
Así, para o programa deste ano 2026, seleccionáronse participantes de Europa, América, Asia e Oceanía, concretamente do Reino Unido, Turquía, Países Baixos, Francia, Italia, Portugal, Os Estados Unidos, China, Australia, Singapur, Paraguai, República Dominicana, Polonia, Canadá e México. Os seus perfís engloban a formación superior, a dirección de programas da Wine & Spirit Education Trust, a hostalería, a compra de viño, a consultoría, a comunicación e o desenvolvemento de mercado, así como recoñecidos Masters of Wine e xurados de concursos.

Ao longo da semana, os participantes visitarán once adegas representativas destes territorios, coñecendo directamente as súas variedades autóctonas, os sistemas de cultivo e elaboración e os proxectos vitivinícolas que están detrás dos seus viños. “Trátase de que estes expertos coñezan de primeira man o eido vitivinícola galego para que despois poidan trasladar a mensaxe nas accións formativas e de divulgación que desenvolven nos seus países de orixe”, sinalou a titular de Medio Rural. Desta forma, afirmou que “o obxectivo non e só dar a coñecer o propios viños, senón onde nacen, onde se crían os viñedos e a historia que hai detrás de cada bodega, porque cada historia reflíctese nun produto de altísima calidade”.
Neste contexto, salientou a importancia deste eido produtivo en galicia, un sector estratéxico polo seu peso económico, social, territorial e paisaxístico que representa arredor do 1,4% do PIB galego. Así, enxalzou as 10 denominacións de orixe (D.O.) e indicacións xeográficas protexidas (IXP) recoñecidas na nosa comunidade e subliñou que representan máis do 50% do valor económico da calidade diferenciada galega, con algo máis de 379 millóns de euros, uns 10.000 viticultores e máis de 440 adegas. Concretamente, incidiu en que case 31 millóns de euros, 1.300 viticultores e 93 adegas de estas corresponden á D.O. Ribeiro.

Neste senso, reafirmou o compromiso do Goberno Galego do sector, que se traduce en diferentes liñas de axudas para a reestruturación e reconversión de viñedo, para a promoción do viño galego en terceiros países e para os investimentos en elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, das que foi beneficiaria a adega Ramón do Casar, sobre todo para a promoción, dende o ano 2010.